21 out 2019

Ovidio Rodeiro recibe na Coruña a un grupo de xornalistas mexicanos que participan nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia para promover a costa e os faros de Galicia

A  Consellería de Cultura e Turismo organiza esta acción para profesionais do Grupo Fórmula, do xornal Reforma así como revistas especializadas ou freelances

 
A cidade da Coruña, a Costa da Morte e as rías de Arousa e Pontevedra foron son as paradas da ruta destes xornalistas
Os xornalistas mexicanos e o delegado da Xunta na Coruña, no Monte de San Pedro,

 O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, recibiu no Monte de San Pedro a un grupo de xornalistas de diferentes publicacións tanto xeneralistas como especializadas mexicanas que están coñecendo ata o venres gran parte dos recursos costeiros e mariñeiros de Galicia nunha viaxe organizada pola Xunta para promover o destino galego no mercado mexicano.

Os profesionais visitaron as cidades de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña e Pontevedra e tamén puideron aproximarse aos recursos costeiros, patrimoniais e gastronómicos da Comunidade a través de diferentes visitas á costa e a vilas mariñeiras. A viaxe incluíu parada na cidade da Coruña cunha visita aos principais puntos turísticos de interese como o Monte de San Pedro, a Torre de Hércules, a Cidade Vella, Riazor ou a zona do Milenium.

Tamén coñeceron a riqueza patrimonial do Concello de Cabana de Bergantiños cunha visita ao mirador Monte Blanco, ao estuario do Río Anllóns e ao Dolmen de Dombate. Os xornalistas tamén tiveron a oportunidade de almorzar nun restaurante en Laxe para degustar os produtos mariñeiros típicos da Costa da Morte para posteriormente trasladarse ata o Cabo Vilán. No seu percorrido pola comarca non faltou a tradicional visita ao santuario da Virxe da Barca e o remate da xornada gozando dos espectaculares solpores no Cabo de Fisterra.

Mercado mexicano

A acción desenvólvese en colaboración coa Oficina Española de Turismo de México e nela participan xornalistas do Grupo Fórmula, do xornal Reforma, da revista especializada Food & Travel así como un xornalista freelance.

O mercado mexicano ten unha presenza destacada no eido do Camiño de Santiago, como así o certifican os datos da Oficina do Peregrino que o ano pasado chegaron máis de 3.500 peregrinos procedentes de México. No que se refire aos turistas, o ano pasado chegaron máis de 18.000 procedentes dese país converténdose no décimo terceiro mercado emisor a Galicia, segundo os datos de Frontur.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!