05 nov 2019

Nava Castro presenta en Lisboa a máis de medio cento de turoperadores lusos as oportunidades do destino galego

 A directora de Turismo participou no último workshop do ano do Clúster Turismo de Galicia co impulso da Xunta no que tomaron parte 35 empresas galegas

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Lisboa no último workshop do ano organizado polo Clúster Turismo de Galicia co impulso da Xunta e que contou coa participación de máis de medio cento de turoperadores lusos e outros tantos empresarios do sector turístico galego.

Durante o acto, a directora de Turismo salientou as oportunidades dos turoperadores portugueses para establecer viaxes a Galicia tendo en conta que o mercado portugués reforza a súa posición como o principal mercado emisor a Galicia. De feito, como destacou Nava Castro, os datos do Instituto Nacional de Estatística revelan que o número de turistas portugueses que visitan Galicia leva medrando cinco anos consecutivos.

Durante a xornada de presentación, os turoperadores locais mantiveron reunións coas empresas galegas do sector do aloxamento, da restauración, das axencias de viaxes, da náutica, entre outras, para reforzar o coñecemento do destino galego e afondar en novas propostas, paquetes, aloxamentos ou servizos para desfrutar en Galicia.

A xornada incluíu, ademais, un showcooking a cargo do chef coruñés Pablo Gallego, así como unha demostración musical do grupo Son de Seu. O workshop enmárcase na actividade promocional do Clúster Turismo de Galicia que tamén se desenvolveu este ano noutros destinos como Málaga ou Sevilla.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!