11 nov 2019

Xunta e Deputación de Ourense asinan o primeiro protocolo en materia de seguridade viaria do Camiño de Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente provincial, José Manuel Baltar, acordaron contribuír á conservación e mantemento da Ruta Xacobea ao seu paso pola provincia

 
En virtude do mesmo tamén se adoptarán medidas de mellora nas estradas que garantirán a seguridade física dos peregrinos coa vista posta no Xacobeo 21
 
O conselleiro de Cultura e Turismo e o presidente da Deputación de Ourense, na sinatura do acordo..

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar, asinaron o primeiro protocolo de coordinación e cooperación institucional en materia de seguridade viaria do Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia. Deste xeito, ambas administracións poderán implicarse de xeito directo na protección da integridade física das trazas do Camiño, na súa conservación, mantemento e na mellora da seguridade para os propios peregrinos.

En virtude deste acordo, a Deputación de Ourense respectará a delimitación do territorio histórico dos trazados do Camiño de Santiago e protexerá, difundirá e fomentará o seu valor cultural e paisaxístico. Así mesmo, en casos de emerxencia, adoptará as medidas necesarias para salvagardar a integridade do Camiño e colaborará coa Xunta na conservación do Camiño ao seu paso pola provincia. Ademais, a institución provincial comprométese a arranxar os puntos de entronque tanto na Vía da Prata como no Camiño de Inverno que poidan presentar dificultades para os peregrinos.

Outro dos puntos destacados do protocolo é a adopción das medidas precisas para a mellora da seguridade viaria das estradas provinciais asociadas aos tramos do Camiño, así como levar a cabo unha mellor integración dos tramos urbanos.

No tocante á simboloxía, este acordo tamén contempla o mantemento da imaxe oficial da sinalización das rutas dos Camiños de Santiago en Galicia. A efectos de seguimento e avaliación dos resultados, constituirase unha Comisión de Seguimento integrada por dous representantes de cada unha das partes asinantes.

Cómpre destacar que a Xunta de Galicia está a traballar na mellora e sinalización da Vía da Prata e culminará este labor o vindeiro ano no Camiño do Inverno. Ademais, no marco do Xacobeo 21, por primeira vez, ambos itinerarios contan conta cun contrato de mantemento propio.

Trabalbo co resto de deputacións

O Camiño de Santiago é un elemento decisivo como dinamizador da economía de numerosas localidades polas que discorre a través dos diferentes itinerarios xacobeos. Este protocolo asínase ás portas do vindeiro Xacobeo 21, un fito que supón unha oportunidade inigualable de amosar ao mundo a mellor versión de Galicia e grazas ao cal a nosa Comunidade acollerá a milleiros de peregrinos das máis diversas procedencias. Neste sentido, esta colaboración contribuirá a que Galicia estea preparada para acollelos nas mellores condicións de seguridade para garantir a súa integridade física.

No marco desta sinatura, o conselleiro de Cultura e Turismo trasladou a intención de traballar coas outras tres deputacións provinciais na implementación deste protocolo, de xeito que todas as Rutas Xacobeas conten co máximo nivel de conservación e seguridade.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!