18 abr 2020

Galicia acorda coas comunidades da España verde reorientar esta marca ao mercado nacional tras a crise do coronavirus

A Xunta mantén unha videoconferencia con representantes de Asturias, Cantabria, Euskadi e Turespaña para artellar medidas conxuntas de reactivación no turismo

 

A Xunta de Galicia, xunto cos gobernos autonómicos das comunidades da España Verde, acordou reorientar as accións desta marca turística do norte peninsular ao mercado nacional tras a crise do COVID-19. Así se decidiu nunha videoconferencia entre as directoras e viceconselleiras de Turismo de Asturias, Cantabria, Euskadi e Galicia, representada a través de Nava Castro.

A xuntanza permitiu analizar conxuntamente o impacto da actual crise sanitaria nos seus respectivos territorios e artellar posibles vías de colaboración conxunta baixo esta marca turística. Na reunión abordáronse as diferentes medidas adoptadas polas catro comunidades autónomas en colaboración co sector e se puxo de manifesto a oportunidade que ofrece a España Verde á franxa do norte peninsular para traballar xuntos e axudar a impulsar ao sector no escenario de saída do confinamento.

Neste sentido, acordouse por unanimidade suspender a promoción internacional ata o fin das restricións derivadas desta situación e centrar todos os esforzos en posicionar a marca no mercado nacional, para o que se apoiará en diversas accións online a través de vídeos promocionais e dun novo himno do compositor Antonio Garamendi.

Sumar á marca España

A marca España Verde, que en 2019 celebrou o seu trinta aniversario, estivo centrada desde os seus inicios na promoción internacional. Agora, ante esta situación excepcional, aposta por esta reorientación cara o mercado nacional, por ser unha oportunidade para posicionar a marca en España e contribuír á reactivación do sector turístico do norte no curto e medio prazo, potenciando, ademais, fortalezas da marca como a natureza, enogastronomía, turismo rural, Camiño de Santiago e seguridade.

O grupo de traballo abordou a importancia de facer un esforzo na seguridade sanitaria de xeito conxunto. Nos vindeiros días, os equipos técnicos das catro comunidades autónomas traballarán na elaboración de material de comunicación e promoción.

Durante este ano 2020, Galicia é a comunidade da España Verde que se encarga da coordinación de todas as actividades desta marca turística do norte peninsular.Galicia acuerda con las comunidades de la España verde reorientar esta marca al mercado nacional tras la crisis del coronavirus

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!