06 xul 2020

A Xunta invita ás comunidades a sumarse a canle do Camiño de Santiago que porá en marcha con Google

 A Administración autonómica remite ás Comunidades interesadas o protocolo para adherirse á iniciativa liderada por Galicia

 
Galicia xa trasladara no Consejo Jacobeo celebrado o pasado mes de maio a invitación ao resto de comunidades para que se incorporen a un proxecto estratéxico na difusión do Xacobeo 2021
 
A canle abrirase na plataforma Google Arts&Culture e contempla a creación de exposicións interactivas así como a dixitalización a grande escala das Rutas e os seus monumentos a través da tecnoloxía Street View
 

 A Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de remitir ás Comunidades autónomas polas que discorre o Camiño de Santiago o protocolo para adherirse a canle sobre a Ruta Xacobea que porán en marcha a Xunta e Google. Con este protocolo búscase formalizar a invitación que a Administración autonómica trasladou ás Comunidades no reunión do Consejo Jacobeo celebrada o pasado 4 de maio, para sumarse a iniciativa liderada por Galicia e colaborar na difusión e promoción internacional do Camiño de Santiago.

O Goberno autonómico e o xigante tecnolóxico están xa a definir as liñas de traballo desta colaboración que se considera estratéxica na proxección do Xacobeo 2021 e que se concretará na creación dunha canle de contidos que divulgue a riqueza cultural do Camiño na súa condición de Patrimonio Mundial da Unesco.

Trátase dunha canle que se abrirá na plataforma Google Arts&Culture, o proxecto cultural de Google, e que contempla a creación de exposicións interactivas, a dixitalización a grande escala de varios Camiños e dunha selección de monumentos e bens de interese cultural coa tecnoloxía Street View.

Ata o momento non existía ningunha exposición virtual deste calado dedicada ao Camiño e o fenómeno xacobeo desde a súa dimensión artística, cultural e patrimonial. O seu papel como elemento vertebrador de Europa trasládase así a novas contornas que, como está a demostrar a actual crise sanitaria, é un ámbito privilexiado para o uso, consumo e desfrute cultural, así como un punto de encontro de persoas e pobos cun potencial enorme.

Este foi un dos temas abordados nunha recente Comisión Executiva do Consejo Jacobeo, celebrada a petición de Galicia e que serviu para avanzar na posta en común de medidas para a reactivación do Camiño de Santiago de maneira coordinada a nivel estatal.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!