11 ago 2020

Román Rodríguez presenta o Resurrection Fest 2020, a edición “máis valente e necesaria para a Mariña”

 A cita terá lugar entre o 21 e o 30 de agosto e contará cunha parte presencial, que se desenvolverá entre estritas medidas de seguridade, e outra online

O titular de Cultura e Turismo participou neste acto xunto aos responsables do festival e o director de Marketing de Estrella Galicia

 
Presentación do Rerrusection Fest 2020.

 

 O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, participou esta mañá no Gaiás na presentación do Resurrection Fest Edición XS de 2020, do que a Xunta de Galicia é patrocinador principal e que se celebrará en Viveiro entre o 21 e o 30 de agosto, contando cunha parte ao vivo, desenvolta coas correspondentes medidas de seguridade e hixiénico-sanitarias, e outra online, de carácter solidario, que chegará a 4 millóns de persoas e será unha plataforma de proxección de Galicia.

O conselleiro cualificou esta edición como “a máis valente e necesaria para A Mariña”; expresou o seu desexo de que “esta edición XS teña un éxito XL”; avogou por atopar solucións “imaxinativas, responsables e atractivas” para o público e subliñou a importancia da responsabilidade no ocio. “No actual contexto, no que os eventos multitudinarios se ven especialmente afectados continuaremos ao lado do sector cultural tratando de apoiar e dar respostas que permitan manter o tecido empresarial neste eido, para que entre todos poidamos repoñernos canto antes”, destacou o titular de Cultura.

Fest Galicia co Resurrection
 
 
Román Rodríguez lembrou o apoio da Xunta aos festivais a través da marca FEST Galicia, impulsada desde 2018 para promover a nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade, respecto ao medio ambiente e compromiso social. Este ano 2020 e no marco do Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico -con máis do 70% das medidas xa en marcha-, o Goberno autonómico contribúe á adaptación dos 13 eventos adheridos a esta iniciativa autonómica ao actual contexto sanitario. Así e todo, os festivais FEST Galicia contarán con edicións este ano, que “se celebrarán dun xeito seguro e adaptado aos tempos, con formatos reducidos e aforos limitados, ademais de actividades en liña”.
 
Volver ás esencias
 
Os artistas confirmados para a parte presencial que se desenvolverá entre o 21 e o 30 deste mes son True Mountains, Wasted Wiltons, Lendakaris Muertos, Onza, Angelus Apatrida, Strikebach, Crisix, Brothers Till We Die; Karras Martínez & DJ Llonas e Joni Ramos & Sunday Monday Club. O 29 e 30 é tempo para a parte online desta edición; retransmitida en streaming, terá un carácter solidario cos afectados da covid-19. Sobre o cartel de actuacións ao vivo, Román Rodríguez apuntou que se trata de “volver ás esencias con bandas ben coñecidas polos incondicionais deste festival”.
 
Na presentación tomaron parte, ademais do conselleiro, Iván e David Méndez, responsables do festival, e o director de Marketing de Estrella Galicia, Santiago Miguélez.
 
Apoio á Mariña
 
Así mesmo, o titular de Cultura e Turismo subliñou o potencial da Mariña como marca diferenciada en eidos como o turismo cultural explicando que o apoio ao festival supón tamén impulsar o desenvolvemento e a promoción turística deste destino, ligado a valores como a sustentabilidade e a seguridade.
 
A colaboración con este festival súmase a outras avanzadas polo Goberno galego para favorecer a reactivación económica na Mariña, entre as que destaca o incremento do apoio ao xeodestino, duplicando as súas achegas para a reforzar a súa imaxe como destino de calidade, así como as accións recollidas no programa Galicia destino seguro.
 
Do mesmo xeito, a Xunta avanza en accións de promoción centradas neste territorio e en propostas de traballo conxunto tan importantes como o futuro Plan de Sustentabilidade Turística, unha iniciativa na que colaborarán o Goberno central, a Xunta e as entidades locais para reactivar esta industria da man de actuacións respectuosas desde o punto de vista socioeconómico, medioambiental e territorial.
 
 
 
Arriba
Axúdanos a mellorar!