26 out 2020

Galicia resiste mellor a caída das pernoctacións no mes de setembro con 18 puntos de diferencia respecto a media nacional

 A comunidade galega rexistrou un descenso do 60% nas pernotacións o mes pasado debido á influencia da covid-19 fronte ao 78% do conxunto de España

Galicia segue a conter a baixada xeneralizada ao igual que nos meses de xullo e agosto, nos que se situou cun diferencial positivo de 24 puntos en comparación coa media estatal
 
O descenso da ocupación hoteleira en setembro foi 14 puntos menor que no resto de autonomías e 9 puntos no que vai de ano
 

O turismo galego resistiu mellor o mes de setembro que o conxunto de España, cun diferencial positivo de 18 puntos nas pernoctacións, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Así, se en Galicia o descenso das noites en establecementos hoteleiros baixou un 60% respecto ao mesmo mes do ano pasado, na media nacional a baixada acadou o 78%. Galicia segue a conter a caída xeneralizada, ao igual que nos meses de xullo e agosto, nos que se situou 24 por debaixo que a nivel nacional.

En canto á ocupación hoteleira, a influencia da covid-19 supuxo un descenso interanual de arredor de 27 puntos, pero en España a baixada foi 14 puntos superior ao caer máis dun 40%.

Ademais, a comunidade galega conseguiu manter o valor da estadía media o mes pasado nos establecementos hoteleiros galegos mentres que na media española descendeu en case un 30%.

Acumulado do ano

A evolución da demanda turística na comunidade galega tamén é mellor que a media de España no que vai de ano. Entre xaneiro e setembro, Galicia foi unha das autonomías nas que menos descenderon as pernoctacións. Pese á baixada dun 60%, son 12 puntos menos que a caída dun 72% desta variable en España. Na ocupación, ese diferencial volve ser positivo, en concreto, en case 9 puntos, tendo en conta que o descenso en Galicia foi do 15% respecto ao mesmo período de 2019, fronte ao 24% do conxunto estatal.

Por outra parte, no relativo á demanda xeral, a comunidade galega tamén rexistrou un comportamento mellor en relación á media do resto do Estado, cun 60% menos de viaxeiros en comparación co 66% de caída a nivel nacional.

 
Arriba
Axúdanos a mellorar!