21 nov 2020

A Xunta e o sector hostaleiro chegan a un acordo para ampliar as axudas aos establecementos pechados ata un máximo de 9.200 euros

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinaron o documento en Santiago de Compostela cos representantes do Clúster de Turismo e da Mesa de negociación da hostalaría de Galicia

Calquera establecemento hostaleiro afectado polo peche sanitario percibirá entre 6.700 euros e 9.200 euros segundo o número de empregados e tempo de inactividade
 
Alfonso Rueda destacou o compromiso para que as axudas se tramiten de forma "áxil e sinxela" e apelou á implicación do resto das administracións para que o esforzo global permita axudar a este sector, especialmente afectado pola pandemia
 
María Jesús Lorenzana lembrou aos hostaleiros que as axudas do Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas son compatibles coa liña específica dirixida ao sector
 
Reunión cos representantes da hostalaría galega.

 A Xunta de Galicia acordou cos representantes da Mesa de negociación da hostalaría de Galicia ampliar en 5 millóns ata os 17 millóns, o orzamento destinado á liña de axudas dirixidas ao sector que tivo que pechar por mor das medidas sanitarias establecidas o pasado mes de outubro. Os establecementos hostaleiros poderán percibir, neste novo escenario, contías mínimas de 6.700 euros e máximas de 9.200, no marco das liñas previstas polo Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas.

A medida adoptouse mediante a declaración firmada no curso dunha nova xuntanza que celebraron en Santiago de Compostela o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, coa Mesa de negociación da hostalaría de Galicia, representada polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e polo sector de hostaleiros, Héctor Cañete, César Clemente Sánchez-Ballesteros e José Francisco Real.

O vicepresidente primeiro da Xunta insistiu en volver a reclamar a implicación do resto das administracións, tanto do Goberno central como dos concellos e das deputacións provinciais, para que o esforzo global e colectivo de todos permita ofrecer un apoio transversal a este sector, especialmente afectado pola pandemia. Tamén incidiu no compromiso da Xunta para que as axudas se tramiten de forma áxil e sinxela e agradeceu ao sector a súa vontade de diálogo para asinar este acordo que vai permitir que antes de que remate este mes as axudas estean publicadas e os beneficiarios poidan empezar a percibilas desde decembro.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, sinalou a importancia do documento que permitirá sumar apoios para o sector da hostalaría, un dos máis afectados pola pandemia. Ademais incidiu en que a Xunta apoia con maior contundencia ao sector do que o fai o Estado como, por exemplo, rebaixando as esixencias de perdas dos establecementos ao 45% con axudas que ademais son compatibles e acumulables entre si, para beneficiar aos empresarios máis afectados.

Factores como as especificidades da hostalaría, a suba da contía das axudas, a redución das esixencias para acceder ás mesmas e a simplificación administrativa resultaron aceptados pola Administración autonómica e os principais representantes do sector na Comunidade, para dar resposta á necesidade de apoio directo e inmediato do sector, co que a Xunta se compromete a continuar nesta liña de diálogo e negociación mentres sexa necesario.

As axudas enmárcanse no Plan de rescate para persoas autónomas e microempresas artellado en tres programas diferentes, os tres compatibles entre si: (1) o dirixido a autónomos, (2) a microempresas e autónomos con persoal a cargo e (3) para os establecementos hostaleiros situados nalgún dos concellos con maior incidencia epidemiolóxica que se vexan afectados polo peche da súa actividade debido á normativa sanitaria.

 

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!