15 feb 2021

Turismo de Galicia destina 3,5 millóns de euros á orde de axudas para mellorar os establecementos turísticos, un 133% máis que o pasado ano

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda visitou a casa rural “A avoa María”, en Campo Lameiro, un dos negocios beneficiarios o ano pasado desta liña de axudas

Alfonso Rueda indicou que estas axudas permitirán aos negocios do sector turístico acondicionar e mellorar as súas infraestruturas para presentar unha oferta competitiva e de calidade, sobre todo neste ano Xacobeo
 
O DOG publicou recentemente tamén as axudas destinadas á mellora paisaxística e ao embelecemento do Camiño de Santiago, ás que a Xunta destina 1,5 millóns de euros, un 20% máis que no 2020, co obxectivo de continuar traballando na mellora da imaxe das rutas xacobeas
 
Alfonso Rueda, na súa visita ao establecemento rural de Campo Lameiro.

 A Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros na orde de axudas para financiar actuacións de mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración publicada hai uns días, o que supón un incremento dun 133% respecto á convocatoria anterior. Así o explicou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita á casa rural “A avoa María” de Campo Lameiro, un dos 80 negocios beneficiarios o ano pasado ao abeiro destas axudas.

Alfonso Rueda, que estivo acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, indicou que estas axudas permitirán aos negocios do sector turístico acondicionar e mellorar as súas infraestruturas para presentar unha oferta competitiva e de calidade, sobre todo neste Xacobeo. Por iso, incrementouse o máximo que pode recibir cada solicitude ata chegar aos 50.000 euros, cando o ano pasado o máximo eran 35.000 euros, xa que como indicou “ante circunstancias extraordinarias como as que vivimos, temos que facer un esforzo extra”.

A través destas axudas, a Xunta financia, entre outras actuacións, accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría. Tamén inclúe iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade introducindo medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno; ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento dos establecementos.

Nesta mesma liña, Alfonso Rueda precisou que “contribuímos así a consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación do noso modelo turístico¨.

Plan choque sector turístico

Dende a Xunta, estase a traballar Plan de choque para o sector turístico, dotado con 37,5 millóns de euros, e que inclúe como medida pioneira o seguro coronavirus, cun investimento de 1,4 millóns de euros para cubrir os custos sanitarios dos visitantes ante casos de infección de covid-19 para recuperar a confianza do viaxeiro. Ademais, co obxectivo de fomentar o consumo renovaranse os programas Elixe Galicia con 1,3 millóns de euros e o Bono Turístico con 6 millóns. A estas medidas súmanse axudas directas a axencias de viaxes e touroperadores por 3,6 millóns de euros.

Mellora paisaxística e embelecemento do Camiño de Santiago

Ademais, o DOG publicou tamén hai escasos días as axudas destinadas á mellora paisaxística e ao embelecemento do Camiño de Santiago, ás que a Xunta destina 1,5 millóns de euros, un 20% máis que no 2020. O obxectivo desta nova orde, da que o ano pasado se beneficiaron máis dun cento de entidades locais e particulares é continuar traballando na mellora da imaxe das rutas xacobeas, agora máis que nunca de cara á celebración dun Ano Santo bianual.

Nesta convocatoria, á que poderán presentarse ata o 5 de marzo entidades locais e particulares, favorécese de novo a posta en marcha da restauración de elementos etnográficos, vivendas e espazos agrarios, así como traballos de naturalización e embelecemento do trazado co obxectivo de poñer en valor a paisaxe e a cultura vinculados ao Camiño.

 

Arriba
Axúdanos a mellorar!