15 abr 2021

Éxito do bono tarxeta turística #QuedamosenGalicia tras esgotarse as tarxetas en só unhas horas

 Houbo un aluvión de solicitudes nada máis abrirse a convocatoria, con 150 peticións cada cinco minutos ao longo da noite

 
A demanda obrigou a duplicar a capacidade da sede electrónica ante o número de solicitudes rexistradas
 
Os galegos preferiron as tarxetas de 500 euros, que coparon o 82% das solicitudes
 
Imaxe da tarxeta turística 2021.

 A Xunta salienta o éxito da iniciativa #QuedamosenGalicia tras esgotarse as tarxetas do bono turístico en cuestión de horas. Os galegos apuraron as súas solicitudes nada máis abrir o prazo, á medianoite, e 12 horas despois xa estaban expendidas as tarxetas dispoñibles nesta iniciativa posta en marcha para impulsar o turismo interno e axudar ao sector hostaleiro.

O éxito da convocatoria quedou patente no feito de que, nas primeiras horas, rexistráronse na sede electrónica da Xunta unhas 150 peticións cada cinco minutos, de tal maneira que pola mañá quedaron servidas todas as tarxetas dispoñibles.
 
Os galegos mostraron a súa preferencia polas tarxetas de 500 euros, que coparon o 82% das solicitudes, en tanto que as de 375 euros acapararon o 10,3% do total, e o 7,3% restante foi para as de 250 euros. Hai que ter en conta que, en todos os casos, a Xunta aporta o 60% do total e os usuarios, o outro 40%.
 
Satisfacción ante unha resposta tan positiva
 
O vicepresidente primeiro da Xunta manifestou a súa satisfacción polo éxito da convocatoria e salientou que era unha moi boa noticia para os empresarios do sector que están a sufrir os efectos das restricións por mor da pandemia. “Os galegos están botando unha man ao sector e están dando un empurrón á recuperación do turismo interno”, subliñou Alfonso Rueda, quen tamén destacou que esta resposta tan positiva deixaba claro que a cidadanía quere, en canto as condicións sanitarias o permitan, “gozar das marabillas de Galicia”.
 
A campaña é unha iniciativa de Turismo de Galicia en colaboración co Clúster Turismo de Galicia e coa participación das deputacións provinciais de A Coruña e Ourense e pretende mobilizar 6,8 millóns de euros, coa participación de case 700 establecementos turísticos, un 24 % máis que na primeira convocatoria.
 
O alta demanda afectou ao servizo da sede electrónica da Xunta, que rexistrou unha elevada lista de agarda polo alto volume de peticións da tarxeta turística, malia que ao longo da noite, ante o aluvión de solicitudes, duplicouse a súa capacidade.
 
Ese elevado número de peticións deu lugar a un incremento na ocupación da sala de espera da sede electrónica, un mecanismo que se habilita cando se agarda un alto nivel de concorrencia e que se dá, normalmente, nas convocatorias que se xestionan por orde de presentación, como foi o caso da tarxeta turística. A activación do servizo permitiu garantir o funcionamento ininterrompido da sede electrónica a partir da unha da madrugada, aínda que fose con tempo de espera debido aos miles de persoas que tentaron acceder ao mesmo tempo. A todos eles se lles asignaba unha hora de acceso, o que permitiu que non tiveran que estar esperando a súa quenda diante da pantalla.
 
Arriba
Axúdanos a mellorar!