19 set 2022

Nava Castro salienta a importancia do Xacobeo como impulsor do recoñecemento de Galicia no estranxeiro

A directora de Turismo de Galicia participou nunha mesa redonda no marco do Congreso Atlantic Meet sobre a "Internacionalización a través do Camiño de Santiago. Imaxe a través do turismo internacional"

 
Trátase do primeiro congreso español sobre relación persoais que tivo lugar en Pontevedra 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  no primeiro congreso español sobre relacións persoais, o Atlantic Meet, nunha mesa redonda para poñer en valor a internacionalización de Galicia a través do Camiño de Santiago.

Durante a súa intervención, Castro destacou a importancia deste Xacobeo como motor da recuperación económica e cultural de Galicia tras a incidencia da crise sanitaria grazas á chegada de preto de 335.000 peregrinos no que vai de ano, dos cales máis de 140.000 son estranxeiros, e as boas cifras de ocupación turística que está a gozar a Comunidade.
 
 Neste senso, a directora de Turismo de Galicia remarcou os esforzos do Goberno galego no referente ao Xacobeo para promover o evento a través de actividades culturais, deportivas e lúdicas cunha clara finalidade turístico-cultural para chegar a todos os lugares do mundo e afianzar a Santiago na capital da peregrinación europea.
 
O Atlantic Meet contou con personalidades como Toni Nadal, Mario Alonso Puig, Emilio Duró e Elsa Punset que falaron da importancia do liderado responsable e consciente dentro do mundo do emprendemento e en nosa propia esfera persoal, así como da resiliencia precisa en tempos tan cambiantes como os que vivimos.
 
Xunto con estas catro relatorios, houbo outras mesas redondas nas que se trataron temáticas como o papel do turismo sostible dentro do desenvolvemento de cidades, con especial mención ao Camiño de Santiago en pleno ano Xacobeo, ou a importancia de apostar por unha economía circular que poña por diante o respecto á contorna á hora de levar adiante actividades económicas.
 
Arriba
Axúdanos a mellorar!