03 feb 2014

O Centro Superior de Hostelería de Galicia sitúase entre os máis prestixiosos centros formativos de España

Así o revelan os resultados do estudo realizado por Taylor Nelson Sofres PLC, un dos maiores provedores de investigación e análise de hábitos con presenza en 80 países.
O estudo levouse a cabo entre 152 directivos de 26 empresas do sector turístico. O 32% dos entrevistados seleccionou o Centro Superior de Hostelería de Galicia entre as tres mellores escolas.
En decembro unha alumna do CSHG gañou o prestixioso concurso internacional Hyatt Student Prize 2013.
A porcentaxe de inserción laboral do Centro Superior de Hostelería de Galicia ascende ao 90% e del saíron xa máis de dous mil profesionais que traballan no sector turístico en todo o mundo.

O Centro Superior de Hostelería, dependente de Turismo de Galicia, ven de ser recoñecido entre os tres máis prestixiosos centros de formación de España. Así o especifica o estudo realizado polo provedor Taylor Nelson Sofres PLC.

A empresa que realizou o estudo é líder en investigación e análise de hábitos e ten presenza en 80 países. Para este traballo realizou entrevistas a 152 directivos de empresas do sector turístico, hostaleiro e de restauración. O obxectivo era a elección das tres mellores escolas de España en canto á actividade formativa. O 32% dos entrevistados seleccionou o Centro Superior de Hostelería de Galicia. O perfil dos enquisados era de directivos de recursos humanos, directores de hotel, directivos dos departamentos de alimentación e bebidas, márketing e vendas, room division e finanzas, entre outros.

Do Centro Superior de Hostelería de Galicia saíron xa máis de 2.000 profesionais que traballan no sector turístico en todo o mundo. A porcentaxe de inserción laboral ascende ao 90%.

Xunto co CSHG, no estudo resultaron seleccionados a Escola Internacional de Alta Dirección Hoteleira Les Roches de Marbella e a Escola de Hostalería Vatel de Madrid.

Recoñecemento aos mellores alumnos
Dous dos alumnos do centro foron recoñecidos como os mellores estudantes de Xestión Hoteleira no concurso Hyatt Student Priza, no que o CSHG foi seleccionado entre as oito escolas finalistas entre as 19 mellores escolas de Europa na edición 2013, que gañou a alumna Elena Vázquez Candanedo. O certame, fallado en París, escolle ao mellor estudante internacional de xestión hoteleira. Hyatt Hotels Corporation é unha compañía con sede en Chicago e presenza en 45 países e composta por máis de 380 hoteis e complexos hoteleiros. Alumnos de Centro Superior de Hostelería de Galicia xa competiron neste certame noutras seis ocasións e quedaron finalistas en tres delas. Na edición 2012 o alumno do CSHG acadou a segunda posición do prestixioso certame.

Arriba