27 mai 2013

Turismo de Galicia presenta as xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños que se celebran os días 1 e 2 de xuño

A Xunta destaca o peso do sector vinícola galego de calidade, que o ano pasado xerou máis de 153 millóns de euros.

 

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana interviu na presentación das xornadas que organiza Turismo de Galicia e resaltou as potencialidades do sector vitivinícola galego

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, incidiu na aposta de Turismo de Galicia por potenciar a enogastronomía como produto turístico e destacou as novidades que incorpora esta segunda edición do programa.

 

Nas xornadas, que se desenvolven nos territorios vinícolas das cinco Denominacións de Orixe galegas, participan máis de cen empresas e ofrécense visitas guiadas polas adegas, menús especiais, rutas turísticas, descontos en establecementos de aloxamento e tamén actuacións musicais

 

Presentación en Santiago das II Xornadas de portas abertas nas rutas dos viños de Galicia.

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; e mais a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro presentaron as II Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia. No acto, estiveron presentes tamén o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Miguel Ángel Viso e mais o presidente do Consello Regulador Rías Baixas, Juan Gil de Araújo. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou o peso do sector vinícola galego de calidade, que xerou o ano pasado máis de 153 millóns de euros. Rosa Quintana sinalou que, durante os últimos anos, se puxo de moda o turismo enolóxico e, por iso, é necesario celebrar este tipo de xornadas de portas abertas para que todo o mundo poida coñecer de primeira man as adegas, as uvas e a elaboración dos seus caldos.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez explicou que a enogastronomía constitúe hoxe un gran atractivo turístico para a nosa comunidade e por iso Turismo de Galicia está a desenvolver iniciativas que contribúan á súa posta en valor e á súa promoción, deseñando produtos e programas novidosos que fagan atractivo o destino.

 

Segundo explicou a directora, a riqueza gastronómica e enolóxica do destino Galicia lévanos a considerar este recurso como produto principal da oferta turística galega, ou ben, como produto complementario, dado que pode incorporarse a outros produtos turísticos preexistentes, enriquecendo deste modo as experiencias que motivan ao viaxeiro a elixir como destino o noso territorio. “O turismo enogastronómico é considerado como unha peza clave a potenciar no sector turístico de Galicia, e máis se temos en conta que constitúe a segunda motivación, despois da natureza, pola que os turistas nos elixen para as súas estadías vacacionais ou de lecer”, explicou.

 

Para o seu correcto desenvolvemento creouse o Plan de Enogastronomía de Galicia 2012-2014. Enmarcado neste Plan de Enogastronomía de Galicia, estanse desenvolvendo actuacións de diferente índole coma a que hoxe se presentou. Segundo explicou Nava Castro, “a primeira edición da Xornada de Portas Abertas tivo gran acollida e nesta segunda edición quixemos manter a mesma esencia pero incorporar novidades que fagan atractiva esta nova xornada”. Deste xeito, mantense un programa completo de actividades de enoturismo de maneira conxunta e simultánea nos cinco grandes territorios vitivinícolas, ao que se engaden importantes reclamos.

 

O programa das Xornadas de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia levarase a cabo durante a primeira fin de semana do mes que ven, o 1 e 2 de xuño. Nestes días, 66 adegas das cinco Denominacións de Orixe Protexida ofrecerán de balde visitas guiadas polas súas instalacións e degustacións dos seus viños. Haberá catro pases de visitas o sábado. Dous pola mañá, ás once e media e á unha e outros dous pola tarde, ás cinco e ás seis e media. O domingo haberá o derradeiro pase ás doce da mañá.

 

En total participan na Xornada de Portas Abertas das Rutas dos Viños máis de cen empresas. Xunto coas visitas guiadas polas adegas, 27 restaurantes das zonas ofrecen dous menús especiais que se compoñen de primeiro e segundo prato, máis sobremesa. Todo isto maridado con viños da Denominación de Orixe do territorio. O prezo final é de 25€ por persoa con IVE engadido. Estes restaurantes tamén ofrecen menús especiais para menores de 12 anos a un prezo de 10€.

 

En cada Ruta haberá, ademais, rutas guiadas as vilas ou concellos coma ao conxunto histórico de Ribadavia, ao concello de Vedra ou ao Monforte Medieval. Tamén haberá visitas a distintos enclaves coma ao Castelo de Monterrei, a Reitoral de Santo André de Camporredondo, Monte de Santa Tegra, Pazo de Rubiáns ou ao Museo Etnográfico Municipal de Quiroga, entre outras. O programa completase con actividades relacionadas co mundo do viño coma exposicións fotográficas, rutas dacabalo, conferencias, concursos, xincanas, tren turístico, paseos en barca e descontos en 22 establecementos de aloxamento enclavados nestas cinco Rutas dos Viños de Galicia.

 

Como gran novidade, o sábado ás oito da noite celebrarase un concerto musical gratuíto en cada unha das rutas.


- Así na Ruta do Viño de Monterrei poderase gozar da actuación de Banda Crebinsky no castelo de Monterrei.

 
- No Ribeiro, o concerto musical celebrarase no Auditorio do Castelo dos Sarmiento en Ribadavia e estará a cargo do grupo AcadaCanto.


- Na Ruta do Viño das Rías Baixas actuará o grupo Eladio y los Seres Queridos no Salón Jose Peña de Cambados.


- Na Ribeira Sacra o concerto será de Nadjla Shami na Igrexa dos Escolapios de Monforte de Lemos.


- E na Ruta dos Viños de Valdeorras o concerto correrá a cargo do grupo Los Chavales no Cine Centro Cultural Avenida da Rúa.

 

Toda a información pormenorizada desta xornada está dispoñible na páxina: www.turgalicia.es. Nesta web tamén se pode atopar un folleto descargable, que tamén está a disposición dos interesados nas oficinas de Turismo de Galicia. Este folleto ven acompañado dun mapa de Galicia onde están sinalizadas as cinco Denominacións de Orixe: Monterrei, O Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras con todas as adegas, restaurantes e aloxamentos participantes.

 
App enoturismo


Como valor engadido a este programa e tamén integrado no Plan de Gastronomía de Galicia, deseñouse unha ferramenta para promocionar o enoturismo utilizando as tecnoloxías dos teléfonos intelixentes.

 

Esta aplicación é gratuíta e pódese buscar nas bibliotecas ou app stores dos móviles de última xeración (Iphone, Android ou Blackberry) tecleando as palabras ENOTURISMO GALICIA.

A información actualizase en tempo real cada vez que se introduce nova información na web de Turismo de Galicia e proporciónase en tres idiomas: galego castelán e inglés, de xeito que o usuario opta polo idioma que prefira dende a primeira pantalla de presentación.

 
Concurso Turismo de Galicia


Doutra parte, Turismo de Galicia, desenvolveu na rede social Facebook un concurso, no que se sortearon 18 estancias para dúas persoas, unha en cada un dos establecementos turísticos asociados a esta promoción. Son estancias para dúas persoas que inclúen o aloxamento da noite do sábado 1 de xuño, e o almorzo do domingo 2 de xuño. Púidose participar nesta promoción a través da conta de Facebook de Turgalicia.

 

Arriba