03 xuñ 2013

Turismo leva a oferta turística galega á cidade francesa de Marsella dentro dunha promoción con outras comunidades españolas

Turismo de Galicia participou os días 1 e 2 de xuño no programa de L`Espagne à Marseille que incluiu a instalación dun stand no antigo porto da cidade con degustacións gastronómicas e contactos con xornalistas locais e operadores turísticos.

Público asistente á promoción de Galicia en Marsella.

Turismo de Galicia, presentou a oferta turística galega no sur de Francia entre os días os días 1 e 2 de xuño, a través do evento L`Espagne à Marseille, unha actividade de promoción turística organizada por Turespaña en colaboración coas Comunidades Autónomas.

 

Ao longo destes días, Turespaña instalou un conxunto de stands no antigo porto da cidade de Marsella, e dentro deste, Turismo de Galicia contou cun espazo personalizado para ofrecer información sobre o destino ao público xeral.

 

Durante estas xornadas, organizouse unha presentación á prensa local, así como unha festa de inauguración á que se convidaron autoridades, empresarios turísticos e outros colectivos relacionados co turismo. Nesta presentación, os asistentes puideron degustar produtos gastronómicos galegos.

 
Información turística


Entre as actividades que se desenvolveron no vello porto de Marsella, salientou o labor de información turística que desenvolveu Turismo de Galicia entre o público asistente.

 

Ademais, estes dous días actuou o grupo de música galega Isga Collective, que amenizou este evento durante as tardes do sábado e o domingo.

 

Esta acción promocional, que aproveitou a celebración da capitalidade cultural europea na cidade do sur de Francia, xa tivo lugar este ano nas cidades italianas de Xénova, Bari, Boloña, e Roma e desenvolverase en Padua, entre os días 5 e 9 de xuño.

Arriba