16 out 2013

A directora de Turismo de Galicia resalta a importancia da internacionalización do destino Galicia na XXII edición de Bolcotur

  • Nava Castro resaltou na feira Bolcotur a eficacia deste tipo de accións para difundir os valores turísticos do destino e tamén incidiu na aposta da Administración Turística galega pola innovación, a incorporación das novas tecnoloxías e a implementación de medidas que incrementen a competitividade do destino

Visita de Nava Castro a Bolcotur.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, visitaron a vixésimo primeira edición da Bolsa de Contratación Turística de Galicia e Norte de Portugal-Bolcotur, que se celebrou na Estación Marítima Alberto Durán de Vigo.

Nava Castro explicou que este evento se está a consolidar como un dos principais puntos de encontro entre a oferta e a demanda do turismo en Galicia. A celebración desta edición en Vigo inicia un novo ciclo de itinerancia que dá a coñecer a infraestrutura turística dos principais enclaves da comunidade e favorece o desenvolvemento territorial dos destinos turísticos galegos.

A directora de Turismo de Galicia resaltou a importancia de apostar pola internacionalización do destino Galicia. Así, a través de Bolcotur ofrécese a posibilidade as máis de 200 empresas inscritas de ter un encontro efectivo con máis de 50 touroperadores nacionais e internacionais. Máis de 2.500 citas concertadas dotarán da posibilidade de manter intercambios e transaccións para que as empresas dos sector turístico galego amplíen a carteira de clientes e incrementen o seu nivel produtivo.

As empresas que participaron nesta bolsa de contratación foron de sectores tan diversos como o do aloxamento, estando presentes grupos e cadeas hoteleiras destacadas, establecementos hoteleiros de diversas categorías, apartamentos turísticos e establecementos de turismo rural. Xunto ao aloxamento tamén estiveron rexistradas empresas de turismo activo e de turismo náutico, así coma as referidas ao turismo cultural e enogastronómico.

Segundo comentou a directora de Turismo de Galicia, é fundamental apostar pola innovación no sector turístico galego co fin de mellorar o posicionamento de Galicia como destino turístico. “A procura de espazos turísticos sostibles cunha infraestrutura tecnolóxica de vangarda que converta a Galicia nun destino turístico intelixente é a nosa preferencia para facilitar a interacción do turista co entorno visitado, aumentando deste xeito, a satisfacción da experiencia vivida no noso territorio” explicou Nava Castro.

Incidiu no feito de que dende o seu departamento se está a traballar en dous proxectos que outorguen calidade e innovación no servizo turístico prestado. Segundo explicou a directora, por unha banda, estase impulsando o proxecto Smart Camiño, co cal se dota dunha rede wifi gratuíta no cen por cen dos establecementos do Camiño Francés e desenvólvense aplicacións móbiles e xestión de contidos para transformar o Camiño en Camiño Turístico Intelixente. O deseño de aplicacións para a obtención da Compostela a través do uso das novas tecnoloxías ou o uso de códigos QR para descargar in formación de interese e identificar diferentes servizos o contidos son so algúns dos exemplos de actuacións para incorporar ao Camiño de Santiago os elementos básicos que o convertan nun Destino Turístico Intelixente.

Nava Castro explicou que xunto ao Smart Camiño tamén se desenvolverá o Smart Turismo co que se pretende que baixo un mesmo paraugas se integre a planificación do territorio, a sostibilidade turística e a incorporación da tecnoloxía á experiencia do visitante.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro “Bolcotur é unha excelente oportunidade que a Administración Pública pon ao servizo do sector para mellorar a competitividade do destino Galicia e continuar así co incremento que se está a producir nestes últimos meses no número de visitantes”. A directora de Turismo incidiu no feito de que Galicia teña acadado no que vai de ano cifras récord de visitantes: “xa contabilizamos mil viaxieros máis que no Ano Santo 2010 e o turismo internacional así como a cifra de peregrinos que chegan a Santiago están acadando cifras récord”.

 Cifras turísticas récord

Segundo os últimos datos publicados polo INE referentes ao mes de agosto, Galicia rexistrou o máximo histórico de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados cun total de 727.733, o que supón un 11,6% máis que no mes de agosto do 2012. No acumulado anual de xaneiro a agosto Galicia tamén lidera o crecemento de viaxeiros aloxados en establecementos regrados. Neste período, o turismo internacional medrou un 12% na cifra de viaxeiros e un 8,4% na de pernoitas, acadando cotas do 24,1% do total de viaxeiros aloxados, nunca antes rexistradas.

Xunto a estes datos, tamén é salientable o gran apoxeo que está a vivir o Camiño de Santiago. Nesta fin de semana rebasouse a barreira dos 200.000 peregrinos chegados a Compostela.

Arriba