22 nov 2013

Luz verde ao Campus da auga para que Ourense sexa líder en temáticas termais

O Consello da Xunta aprobou onte a autorización desta iniciativa, enmarcada na aposta da Consellería por dar peso aos campus periféricos apostando pola especialización.
 

O Consello da Xunta deu onte luz verde ao inicio do proceso de especialización na Universidade de Vigo, do Campus da Auga no Campus de Ourense, a través do que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria busca converter Ourense nun referente da I+D+i na temática da auga.

Esta autorización supón, ademais, unha oportunidade para establecer no Campus de Ourense un campus líder en temáticas da auga, aproveitando o potencial termal de Ourense, que a sitúa como a segunda cidade europea en potencial termal (despois de Bucarest) con máis de 4 millóns de litros/ día de
auga mineromedicinal.


Trátase da primeira iniciativa de especialización dun campus non central do Sistema Universitario de Galicia (SUG), o que fai do de Ourense un campus líder en temáticas da auga con capacidade para expandir a súa plataforma de investigación e innovación e para obter novas fontes de financiamento que aseguren o seu papel na comunidade internacional de educación superior e a súa sustentabilidade a longo prazo.


Despois de rematado o Plano estratéxico e o programa de necesidades funcionais e usos da futura sede do Campus da Auga (para o cal a Consellería achegou o pasado 2012 un total de 247.800 euros), autorizouse o inicio da especialización deste campus, que vén dar resposta, ademais, á realidade da actividade que xa se está a desenvolver no campus da UVigo na cidade das Burgas, na que traballan ata 49 grupos de investigación formados por 341 investigadores, cunha importante infraestrutura de investigación, desenvolvemento e de transferencia de coñecemento asociada e que se desenvolve nas facultades de Ciencias, Ciencias Empresariais e Turismo, Dereito, Ciencias da Educación, Historia e na Escola Superior de Enxeñaría Informática.


Plan Impulsa e revitalización económica
Cómpre sinalar, ademais, que esta aposta entronca directamente co Plan Impulsa Ourense, promovido polo IGAPE, que define os eixos estratéxicos, obxectivos, liñas de actuación e actuacións concretas para o impulso económico da provincia de Ourense (2011-2018), polo que supón unha oportunidade única para obter novas fontes de financiamento –en estreita colaboración co tecido empresarial, dado o peso deste sector na economía da zona.

Non en balde o Campus da Auga é unha iniciativa apoiada polo Goberno galego para a revitalización de Ourense sostida sobre as bases do coñecemento científico, que procure un futuro próspero para a provincia. Así o investimento previsto para o desenvolvemento do proxecto o longo do período 2014-2018 é de 5.437.500 euros, dos cales 4.500.000 euros se investirán na construción dunha infraestrutura que será destinada a usos científicos e será a sede institucional do Campus da Auga .


Liñas de orientación estratéxica
O Campus da Auga nace como un proxecto composto de varios centros, especializado na auga desde un punto de vista multidisciplinar, e construirase sobre 6 áreas de especialización, que constitúen áreas de colaboración: alimentación, xestión do recurso auga, innovación social e educativa, medio, tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e turismo–patrimonio cultural.


Para acadar esta misión definíronse cinco liñas de orientación estratéxica, nos dominios seguintes: educación, investigación, transferencia de tecnoloxía e coñecemento, internacionalización e financiamento sustentable.


Así, no referido á primeira delas prevense iniciativas como a creación dun programa de doutoramento do Campus da Auga que incremente o número e o nivel investigador dos doutorandos.


No tocante á investigación prevese a creación de dous clústeres de I+D en áreas de relevancia relacionadas coa auga, con entidade suficiente para alcanzar visibilidade e excelencia internacional; así como a dunha unidade de investigación de excelencia universidade-empresa-administración. O obxectivo é promover o establecemento dunha estrutura en que se poidan crear grupos de investigación capacitados para obter financiamento estatal e internacional.


En canto á terceira liña de orientación, crearase unha unidade de transferencia de tecnoloxía e coñecemento que identifique e promova a licenza de tecnoloxías e coñecemento ao sector privado e que ofreza servizos que proporcionen apoio baseados en tecnoloxía e coñecemento específico a empresas. Complementariamente establecerase un programa de emprendemento e creación de empresas.


No que atinxe á internacionalización do Campus da Auga, potenciarase a mobilidade de estudantes de doutoramento e investigadores, e porase en funcionamento un fórum internacional en investigación e educación colaborativa que contribúa a incrementar a visibilidade global do Campus.

Todas as liñas están enfocadas cara ao establecemento de relacións e sinerxias que permitan asegurar o financiamento e sustentabilidade deste proxecto, contando coa necesaria cooperación entre a universidade, o tecido empresarial, económico, social e cultural da provincia e as administracións públicas, de forma que teña un forte impacto no tecido socioeconómico da provincia de Ourense.
 

Arriba