17 mai 2014

Os mosteiros e os conventos galegos abren virtualmente as súas portas para as visitas turísticas

A maxia dos mosteiros’ é una iniciativa de Turismo de Galicia que permite a través da web visualizar completamente a arquitectura de 88 mosteiros e conventos galegos.

Con esta aplicación pódense facer visitas panorámicas de 360 graos.

Turismo de Galicia vén de poñer en marcha na súa web a aplicación A maxia dos mosteiros, unha iniciativa que posibilita unha visita completa a 88 mosteiros e conventos galegos a golpe de clic, desde a pantalla do ordenador, tableta ou smartphone.

Trátase de visitas fotográficas en 360 graos que posibilitan desenvolver auténticas tours turísticas para visualizar e apreciar os recursos e detalles arquitectónicos dos mosteiros e os principais conventos da comunidade galega.

A visita realízase a través de imaxes inmersivas e esféricas, o que permite ao visitante internarse en todas as estancias do mosteiro ou convento: capelas, claustros, refectorios..., facer xiros, e enfocar detalles.

Interactuación
A través da web de Turismo de Galicia, o visitante que entre neste apartado, que desde hoxe atopará na páxina de acceso, poderá elixir un mosteiro e interactuar. Poderá moverse en calquera dirección, facer achegamentos (zoom), xiros ou pararse nos detalles.

O visitante ten tamén a posibilidade de deixarse levar polo movemento automático da aplicación, así como ver imaxes a pantalla completa e gozar da música que as acompaña.. Nalgúns casos, inclúese son de ambiente dos propios mosteiros, como cánticos dos monxes ou son da natureza da contorna.

O movemento automático, a visión a pantalla completa e o son ambiente son outras das características que sorprenderán ao visitante.

Esta iniciativa permite tamén o filtrado dos datos por ordes relixiosas e estilos arquitectónicos, distinguindo as mesturas en cada un dos edificios.

 

LIGAZÓNS RELACIONADAS...

Arriba