04 xul 2014

Viaxes inaugurais dos trens turísticos das Rutas dos viños da Ribeira Sacra e Monterrei promovidos pola Xunta

Incluídos no programa ‘Galicia a todo tren’, partiron de Ourense ata Monforte de Lemos e A Mezquita-Vilavella
O tren da Ribeira Sacra inclúe unha escala nos Peares, visitas a adegas, ao Centro de Interpretación do Viño da D.O . Ribeira Sacra, traslado a Santo Estevo de Ribas de Sil e un cruceiro en catamarán.

A Ruta do viño de Monterrei contempla a visita ás estacións da Mezquita-Vilavella e Baños de Molgas, catas en adegas da D.O.P. Monterrei e percorridos por Xunqueira de Ambía e Allariz.

Por segundo ano, a Xunta e Renfe ofrecen ao longo do verán un servizo de trens turísticos que pasou de dúas rutas, en 2013, ás sete de 2014
Esta tempada poderanse visitar as cinco Denominacións de Orixe Protexidas dos viños de Galicia, ademais da ruta dos faros e a dos pazos e xardíns históricos.

O Tren da ruta do viño da Ribeira Sacra, na estación de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Galicia, a todo tren. Este é o programa de trens turísticos de Galicia que puxo en marcha este verán Turismo de Galicia e que a pasada fin de semana iniciou a súa andaina nas rutas dos viños Ribeira Sacra e Monterrei.

O sábado 5 de xullo o tren da Ribeira Sacra partiu ás 9.40 horas da estación de Ourense e os viaxeiros chegaron a esta mesma estación ás 20.56 horas, logo de pasar a xornada nos territorios da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra e os Canóns do Sil.

Logo da partida, o tren dirixiuse cara aos Peares, onde visitaron a Aula do Ferrocarril. Logo, os viaxeiros trasladaranse en tren ata Canabal e, dende alí, viaxaron en autobús ata Doade onde visitaron unha adega da D.O.P. Ribeira Sacra e percorreron a zona no tren motorizado Aba Sacra.

Máis tarde, viaxarán en autobús ata Monforte de Lemos, onde visitaron o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra.

Santo Estevo de Ribas de Sil
Tras a estadía en Monforte de Lemos, os viaxeiros partiron en autobús a Santo Estevo de Ribas de Sil para coller o catamarán turístico e facer un cruceiro polo encoro de Santo Estevo.

Logo, a viaxe rematou co traxecto no tren turístico entre Santo Estevo de Ribas de Sil e a estación de Ourense.

Monterrei
Por outra parte, o domingo 6 de xullo tivo lugar a viaxe inaugural da Ruta dos viños de Monterrei que, partindo de Ourense, chegaou ata a estación da Mezquita-Vilavella.

O tren sairá ás 9.30 horas e os viaxeiros regresaron ás 21.00 horas logo de percorrer a D.O.P Monterrei e parte do centro da provincia de Ourense.

A viaxe do tren turístico de Monterrei é directa entre as estacións de Ourense e A Mezquita-Vilavella. Unha vez nesta última estación, os viaxeiros trasladáronse ata o Parador de Verín para recibir información sobre os viños da C.O.P. Monterrei.

Logo visitaron unha adega e irán cara á Gudiña en autobús. Dende alí, o tren turístico levaraos a Baños de Molgas para visitara a súa estación.

De Baños de Molgas irán a Xunqueira de Ambía para visitar a súa colexiata e dende alí ata Allariz, onde fixeron un percorrido por esta histórica vila. A viaxe rematou co traslado dos viaxeiros en autobús ata á estación de Ourense.

Outros trens turísticos
Os trens turísticos de Galicia funcionarán entre os meses de xuño e setembro, en sete rutas distintas: Faros, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras-Ribeira Sacra, O Ribeiro-Rías Baixas e Pazos e xardíns históricos.

Ademais dos trens das rutas dos viños da Ribeira Sacra e Monterrei, o Tren dos faros, percorre o traxecto entre Ferrol e Ribadeo. O das Rías Baixas, funciona entre Santiago e Vigo; o Tren Ribeira Sacra-Valdeorras, a liña entre Ourense e A Rúa-Petín; o Tren do Ribeiro-Rías Baixas, a liña entre Ourense e Arbo; e o Tren dos pazos e os xardíns históricos, o treito ferroviario entre Santiago e Vigo.

Pódese consultar o calendario dos trens turísticos de Galicia na páxina web de Turismo de Galicia así como na da compañía ferroviaria RENFE, onde tamén se poderá reservar o billete.

O prezo dos billetes é de 40 euros para os adultos e 10 euros para os menores de 14 anos, para as viaxes dun día. Existen descontos para fins de semana e traslados desde outras cidades.

 

Arriba