24 abr 2015

Galicia rexistrou no pasado mes de marzo o crecemento turístico máis elevado neste mes dos últimos 12 anos

Concretamente a nosa Comunidade rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 23,4%,

Deste xeito, Galicia, xunto a Asturias, liderou en marzo o crecemento de viaxeiros aloxados a nivel estatal.

O turismo internacional marcou un máximo histórico no mes de marzo ao representar o 17% do total da demanda hoteleira rexistrada en Galicia.

Gráfica dos resultados turísticos do pasado mes de marzo en Galicia.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de marzo Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 23,4%, o crecemento máis elevado neste mes de marzo dos últimos 12 anos. Así os hoteis da nosa comunidade recibiron no terceiro mes do ano a un total de 214.101 viaxeiros. Subiron tamén en marzo as pernoitas rexistradas en Galicia nun 15,1% neste caso, ata acadar 400.410.

A nivel estatal obsérvase tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas que incrementáronse un 6,3% e 2,4% respectivamente. Deste xeito, Galicia, xunto a Asturias, liderou en marzo o crecemento de viaxeiros aloxados a nivel estatal.

En termos de mercado, Galicia incrementou o turismo nacional neste mes de marzo, tanto o interno nun 5,2% como o receptor nacional nun 19,5% no relativo as pernoitas. En canto aos viaxeiros residentes en Galicia subiron nun 8,6% e os procedentes do resto do Estado nun 31%. Así mesmo, o turismo internacional tamén incrementou a súa cifra de viaxeiros aloxados nun 41% e as súas pernoitas nun 29%. Este incremento elevou o peso do turismo internacional situándoo en marzo no 17%, cifra que supón un máximo histórico na nosa comunidade neste mes.

A nivel territorial, tanto a cifra de viaxeiros aloxados coma as pernoitas melloraron nas catro provincias galegas neste mes de marzo presentando Lugo o incremento de maior intensidade, cun 68% no que respecta aos viaxeiros e cun 45% ás pernoitas.

Como consecuencia do bo comportamento da demanda os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en marzo en 3,6 puntos porcentuais en relación ao pasado ano.

Do mesmo xeito, tamén as tarifas hoteleiras en Galicia subiron neste terceiro mes do ano, nun 1,4% neste caso.

Esta mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de marzo, acontecida nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade incrementar os seus niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período de 2014 –o RevPAR subiu un 18,8%-.

Máximo histórico do turismo internacional que representou o 16,4%
En canto ao primeiro trimestre do ano, Galicia incrementou a súa cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros nun 14% en relación ao pasado ano, rexistrando un total de 504.343, e as súas pernoitas nun 7,1%, rexistrando neste caso 925.534 neste período.

A nivel estatal obsérvase tamén unha mellora dos niveis de demanda hoteleira, do 6,4% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 3,5% no que atinxe ás pernoitas. Deste xeito, tamén no primeiro trimestre do ano Galicia e Asturias lideran o incremento de viaxeiros aloxados a nivel estatal.

Tanto o turismo nacional como o internacional incrementaron as súas cifras neste período dos tres primeiros meses do ano. As pernoitas do turismo interno subiron un 1,3% en relación ao mesmo período do pasado ano e do turismo receptor nacional incrementáronse nun 9%. En canto aos viaxeiros españois procedentes doutras comunidades autónomas incrementáronse nun 12%. Así mesmo, Galicia rexistrou un crecemento do turismo internacional do 29% no que se refire aos viaxeiros e do 18% nas pernoitas. Estes incrementos relativos ao turismo internacional elevaron o peso deste mercado a máximos históricos no primeiro trimestre cun 16,4% do total da demanda hoteleira.

Grazas á mellora dos volumes de demanda os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloraron en relación ao pasado ano en 1,5 puntos porcentuais.

Arriba