30 xan 2017

Turismo de Galicia presentará esta semana a oferta galega no ‘Salon des Vacances’ de Bruxelas

Entre os días 2 e 5 de febreiro celebrarase a edición anual desta cita turística á que Turismo de Galicia acode para expoñer as principais novidades de comercialización do destino Galicia

A nosa comunidade participa neste certame dende hai máis de 23 anos, debido á importante afluencia de público que visita a feira con moito interese principalmente na España Verde e o Camiño de Santiago

O mercado dos Países Baixos esta a cobrar unha grande importancia para a nosa comunidade ao representar xa o oitavo posto no ranking de viaxeiros chegados á Galicia cun total de 28.200 en 2016 
 

 O Salon des Vacances da capital belga celebra este ano a súa 59 edición como un dos certames turísticos máis importantes do norte de Europa e contará como en anos anteriores coa presenza da oferta turística galega a través dun espazo de promoción no que participará Turismo de Galicia.

Así, entre os días 2 e 5 de febreiro, o recinto feiral Brussels Expo acolle o stand de Turespaña onde Turismo de Galicia promoverá a oferta turística da comunidade.

Galicia participa neste certame dende hai máis de 23 anos, debido á importante afluencia de público que visita a feira con moito interese polos produtos da oferta turística da nosa comunidade e que buscan ideas inspiradoras para planificar as vacacións do ano.

Os visitantes deste certame no espazo galego adoitan ser viaxeiros que organizan individualmente as súas vacacións, programando estadías de entre sete e quince días.

Tamén a marca España Verde está moi consolidada neste mercado e un gran numero de viaxeiros belgas percorren as comunidades que a conforman, iniciando o seu percorrido no País Vasco e rematando na nosa comunidade.

Visitantes dos Países Baixos

O mercado dos Países Baixos esta a cobrar unha grande importancia para a nosa comunidade ao representar xa o oitavo posto no ranking de viaxeiros chegados á Galicia

No ano 2016, os número de residentes nos Países Baixos que pasaron a noite nos establecementos hoteleiros de Galicia foron un total de 28.200 persoas.

Arriba