30 dec 2016

O turismo rexistra en Galicia máximos históricos con máis de 4.700.000 viaxeiros e preto de 9.700.000 pernoitas

Nos once meses deste ano 2016 Galicia incrementou nun 7,6% o volume de viaxeiros aloxados e nun 9,4% a cifra de pernoitas

En termos de ocupación, a nosa comunidade mellorou as súas cifras en todas as tipoloxías de aloxamento

O turismo nacional incrementou un 9,1% as súas pernoitas e un 7,5% os seus viaxeiros acadando as cifras máis elevadas dos últimos seis anos

 

No pasado mes de novembro Galicia acolleu un total de 224.139 viaxeiros aloxados rexistrándose na nosa comunidade 441.042 pernoitas, un 7% e 11,7% máis que no mesmo mes do ano anterior, respectivamente.

A nosa comunidade rexistrou así neste novembro de 2016 a cifra máis elevada de pernoitas dos últimos seis anos e o volume de viaxeiros máis alto dende o 2010..

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional subiu en Galicia un 10,6% no que atinxe aos viaxeiros e un 6,3% no que se refire ás pernoitas, acadando máis de 360.000, a cifra máis elevada dos últimos seis anos.

Pola súa parte, o mercado internacional incrementou neste undécimo mes do ano nun 9,8% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 17% a de pernoitas de novembro de 2015 acadando os niveis máis elevados desde o 2007.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas destacando o incremento de pernoitas rexistrado nos apartamentos turísticos -26%- e nas pensións -20%-.

Esta dinámica positiva coloca os niveis de demanda de case todas as tipoloxías en valores por encima dos rexistrados nos últimos seis anos acadando no caso dos apartamentos turísticos cifras récord tanto de viaxeiros como de pernoitas.

O incremento da demanda levou consigo unha mellora da estadía media que subiu un 4,4,% en relación ao pasado ano.

Acumulado do ano
Nos once meses deste ano 2016 Galicia rexistrou máximos históricos nos seus niveis de demanda turística, cun incremento do 7,6% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con 4.734.330- e do 9,4% no que atinxe ás pernoitas –con 9.678.861 neste período-.

Polo que respecta aos distintos mercados turísticos, o turismo nacional incrementou un 9,1% as súas pernoitas e un 7,5% os seus viaxeiros acadando –con preto de 3,4 millóns de viaxeiros e de 7,5 millóns de pernoitas- as cifras máis elevadas dos últimos seis anos.

Pola súa parte, o turismo internacional incrementouse nun 10,2% motivado pola suba da súa cifra de viaxeiros do 7,7%. Estes incrementos sitúan os niveis deste mercado neste ano en máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados –con máis de 1,34 millóns- coma de pernoitas –con máis de 2,22 millóns no conxunto da comunidade-.

En relación as tipoloxías de aloxamento, rexistráronse neste período incrementos xeneralizados destacando o crecemento dos apartamentos turísticos que aumentaron as súas pernoitas nun 31,3 e dos establecementos de turismo rural e dos cámpings onde os crecementos foron do 17,1% e 15,3%, respectivamente.

En termos de ocupación, Galicia mellorou as súas cifras en todas as tipoloxías de aloxamento destacando neste sentido os cámpings cunha suba de 3,5 puntos porcentuais e os hoteis e os establecementos de turismo rural onde os incrementos achéganse aos tres puntos.

Arriba