06 nov 2017

Os orzamentos de Turismo de Galicia preparan xa o Xacobeo 2021 e impulsan a renovación dos establecementos turísticos

 Destinaranse preto de 3 millóns de euros para a realización de eventos culturais neste trienio previo, como preparación para o vindeiro Ano Santo

 
Tamén medra a liña de axudas para sinalización e accesibilidade turística da que este ano se beneficiaron 150 concellos e que estará dotada de 3 millóns de euros
 
No eido da formación, impulsarase, entre outras medidas, un programa de desenvolvemento e actualización directiva entre os profesionais do sector
 
Incrementarase a presenza no mercado chinés a propósito do Ano Internacional de Turismo Unión Europea-China e abrirase a promoción a novos mercados

 A directora de Turismo, Nava Castro, presentou no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o ano próximo que permitirán, dixo, dar continuidade á traxectoria iniciada e desenvolvida nestes últimos anos e acometer novos proxectos, co fin de afondar no modelo turístico de calidade, sustentable, responsable e innovador.

Estes orzamentos, que ascenden a máis de 58 millóns de euros, permitirán a mellora das infraestruturas turísticas, impulsarán a creación de novos produtos e rutas, así como a promoción e difusión do turismo, do Camiño de Santiago e o desenvolvemento de actividades no Centro Superior de Hostelería de Galicia. “A nosa aposta pola diversificación e especialización, xunto á calidade e excelencia son os camiños que nos están a levar aos rexistros turísticos que estamos acadando, afondando no proceso de desestacionalización. Estes orzamentos permitiranos continuar nesta liña”, indicou Nava Castro.

Entre as principais novidades das contas de Turismo de Galicia inclúese a primeira partida específica destinada á promoción do Xacobeo 2021, que se está a preparar desde hai xa dous anos no marco do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago. En paralelo, destinaranse preto de 3 millóns de euros para a realización de eventos neste trienio previo, cunha programación que incluirá concertos no Parque Monte do Gozo e nas cidades galegas.

Os orzamentos de Turismo de Galicia tamén acollen por vez primeira unha nova liña de axudas para incrementar a renovación e mellora dos establecementos turísticos, dotada de 1 millón de euros, que servirá para estimular o proceso de renovación e a mellora das instalacións e, en xeral, a imaxe dos establecementos. Ademais, incrementarase a liña de axudas para a sinalización e accesibilidade turística, da que este ano se beneficiaron 150 concellos. Estará dotada de 3 millóns de euros, o que incrementa nun millón o orzamento deste exercicio.

Camiño Portugués

No eido do Camiño de Santiago, Nava Castro explicou os avances en infraestruturas que permitirán as contas de 2018, que destinarán preto de 4,5 millóns a estas accións. Deles, máis de 1,5 serán para a Rede de Albergues Públicos e preto de 3 para continuar coa mellora da sinalización. Neste sentido, avanzou que, unha vez comezadas xa as obras de rehabilitación da casa reitoral do Poulo, en Ordes, no Camiño Inglés, os orzamentos consignan partidas para a construción dun novo albergue no Concello de Vigo, no Camiño Portugués da Costa.

Ademais, o ano 2018 será o ano do Camiño Portugués, polo que se licitarán e executarán as obras de acondicionamento e sinalización deste itinerario e do Camiño Portugués da Costa, cun investimento de 2,5 millóns de euros e tamén se continuará co acondicionamento e sinalización do Camiño de Fisterra-Muxía.

Infraestruturas turísticas

“Estes orzamentos medran para seguir contribuíndo ao desenvolvemento turístico da nosa Comunidade e a súa capacidade para xerar beneficios económicos, sociais e culturais”, explicou a directora aludindo a algunhas das infraestruturas como a creación dun pantalán e miradoiro na Ribeira Sacra, na zona de Sober; a mellora da contorna da Franqueira, na Cañiza ou intervencións nas fachadas da Illa de Ons, entre outras.

As contas tamén contemplan convenios coas entidades locais para poñer en valor diferentes recursos. Entre eles, subliñou a rehabilitación do antigo balneario de Cortegada, o remate da execución do proxecto Mariña Virtual, en Foz; así como a posta en marcha do novo Centro de Interpretación do Viño do Condado de Tea, en Salvaterra do Miño; o Proxecto Porta do Trega, na Guarda ou o observatorio astronómico na Veiga.

Ano Internacional de Turismo Unión Europea-China

Respecto ás accións de promoción do destino Galicia, Nava Castro recordou que se traballará na liña das actividades programadas no Ano Europeo de Patrimonio Cultural e se impulsará unha nova campaña nacional e internacional para promover o noso destino . Aludiu ao Ano Internacional e Turismo Unión Europea-China como unha oportunidade para incrementar a presenza neste mercado emerxente. Xunto a China, tamén terá un peso maior Xapón ou Corea e Turismo de Galicia abrirase á promoción a novos mercados de Europa, Estados Unidos e América do Sur.

A formación e a profesionalización son tamén dous piares básicos nas contas de Turismo de Galicia. Neste sentido, recordou que estes orzamentos inclúen a celebración de novas edicións do Gastroforum e do Hotelforum, no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), e o impulso á Escola Itinerante de Formación nos distintos xeodestinos e no Camiño de Santiago. Ademais, iniciaranse os traballos coa Universidade e a Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar un programa de desenvolvemento e actualización directiva entre os profesionais.

 
Arriba