02 xan 2018

O Camiño Inglés completa o seu mellor ano coa exposición en 3D 'De mar a mar' que poderá visitarse na Coruña ata mediados de xaneiro

 Dentro do seu compromiso por potenciar un itinerario por ano, Turismo de Galicia dedicou este 2017 a esta ruta e ao Camiño de Fisterra e Muxía, con diferentes accións de mantemento e promoción que melloran a experiencia dos peregrinos

 
A mostra inclúe fotografías de gran formato sobre o patrimonio natural e cultural do Camiño de Santiago e contribúe a divulgar e por en valor este itinerario
 
Turismo de Galicia investiu máis de 1,4 millóns de euros durante estes doce meses neste itinerario, que foi escollido por máis de 11.300 peregrinos 

 O Camiño Inglés está a piques de culminar o que foi o seu mellor ano, cos maiores investimentos da súa historia e cunha intensa actividade cultural e promocional, á que se suma desde hoxe a exposición De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D, que poderá visitarse ata mediados de xaneiro na cidade da Coruña.

A mostra, impulsada por Turismo de Galicia, chega á cidade coruñesa tras o seu paso por Fisterra con éxito de público. De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D é unha recompilación de varias fotografías en tres dimensións e de gran formato realizadas coa técnica estereográfica, que retratan o patrimonio, as paisaxes e aos propios peregrinos do Camiño Inglés, do Camiño Fisterra e Muxía, do Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa, as catro rutas nas que estará presente esta mostra itinerante e ás que o Plan director do Camiño de Santiago dedica os principais investimentos de 2017 e 2018.

Esta exposición dá resposta ao compromiso de Turismo de Galicia coa divulgación e promoción do Camiño de Santiago en todas as súas vertentes e súmase ás numerosas accións levadas a cabo durante este ano no Camiño Inglés. Realizáronse traballos de acondicionamento, conservación e mantemento do patrimonio, tanto natural como cultural, así como accións para pór en valor o seu papel histórico.

Actividades divulgativas

Durante o verán programouse o ciclo das artes escénicas Vive o Camiño, que percorreu os 18 concellos do Camiño Inglés e tamén se realizaron actividades para mozos, con programación educativa e divulgativa para escolares. Trátase de accións que contaron cun investimento global de 1,4 millóns de euros. De xeito pararelo, o Camiño Inglés continuou medrando tamén este ano. Así o constatan as cifras da Oficina do Peregrino, que revelan que, desde o último Xacobeo, este itinerario medrou un 50% pasando de recibir naquel ano 2010 máis de 6.400 peregrinos a superar os 11.300 neste 2017.

De mar a mar. O Camiño de Santiago en 3D poderá visitarse na Casa Museo Casares Quiroga ata o 14 de xaneiro de martes a sábado en horario de 11,00 a 13,30 horas e de 18,00 a 20,00 horas e domingos e festivos de 12,00 a 14,00 horas. 

 

Arriba