15 abr 2019

Nava Castro salienta en Madrid a contribución da enogastronomía para diversificar a oferta turística galega

Nava Castro, no pop up de Artesanía de Galicia en Madrid.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  no relatorio Galicia Sabe: destino enogastronómico, incluído na programación da tenda Pop Up Galicia. Saberes e Sabores que organiza estes días a Xunta en Madrid a través da Fundación Artesanía de Galicia. Alí puxo en valor a contribución que a enogastronomía, combinada co papel dos produtores e artesáns e artesás galegos, está a ter para ofrecer atractivos turísticos de xeito diversificado por toda a xeografía galega.

Aludiu a ferramentas como o mapa de recursos enogastronómicos xurdido no marco de Galicia Sabe, a folla de ruta da Consellería de Cultura e Turismo que contabiliza máis de 2.000 recursos cun alto grado de dispersión por toda a xeografía galega e que supón, dixo, “unha verdadeira oportunidade para o turismo”. Fixo referencia á importancia que isto ten para poñer en marcha experiencias no interior de Galicia con produtos como carnes, lácteos, pan, mel, castaña, verduras e hortalizas a través dos que poder crear itinerarios turísticos tematizados e combinar o papel dos produtores, artesáns e artesás, patrimonio e restauradores. Tamén falou da potencial gastronómico no litoral galego onde o traballo desenvolvido por parte do sector pesqueiro é, sinalou, un perfecto aliado do turismo experiencial e para a posta en valor, tamén turística, de mercados e lonxas.

 

Arriba