07 mai 2019

Os entroidos galegos celebran o seu primeiro Desfile de Primavera con máis de 300 participantes polas rúas de Ourense

 Coincidindo coa Festa dos Maios, a cidade ourensá acolleu este ano por primeira vez esta acción que se vén celebrando con éxito cada mes de setembro en Santiago

 
Contouse coa presenza dunha representación dos entroidos de Xinzo de Limia, Verín, Cobres e Xenerais da Ulla así como cinco entroidos convidados
A cidade de Ourense acolleu o pasarrúas de Entroido.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiron ao Desfile dos Entroidos Tradicionais de Galicia na cidade de Ourense con máis de 300 participantes dos entroidos galegos que amosaron a autenticidade desta tradición.

Tras a exitosa experiencia que se leva a cabo cada mes de setembro na cidade de Santiago de Compostela, este ano o desfile celebrouse tamén polas rúas de Ourense coincidindo coa tradicional Festa dos Maios, coa intención de dar a coñecer e poñer en valor unha das riquezas do patrimonio etnográfico da Comunidade e amosar a variedade desta tradición aos milleiros de turistas que estes días se achegan á cidade das Burgas.
 
O desfile partiu da Praza Maior e contou con participantes de ata nove entroidos diferentes, cos seus xenuínos personaxes que se pasearon ante centenares de galegos e visitantes. Estiveron presentes os pantallas de Xinzo de Limia, de Interese Turístico Internacional; os cigarróns de Verín, de Interese Turístico Nacional, e as madamas e galáns de Cobres e os Xenerais da Ulla, estes dous últimos de Interese Turístico de Galicia.
 
Amais, e como entroidos convidados, contouse coa participación de os Volantes de Chantada, as Bonitas de Sande de Cartelle, os Vergalleiros de Sarreaus, o Entroido de Samede en Paderne e os Galos da Mezquita da Merca.

Concerto da Roda
Dentro da programación das festividades dos Maios, ademais deste desfile, a Consellería de Cultura e Turismo participou no concerto que o grupo A Roda ofreceu nos xardíns do Padre Feijoo e a mostra Antonio Fraguas, memoria dun soño que pode visitarse ata o 15 de maio no vestíbulo do Auditorio Municipal, na segunda das 12 paradas que fará por Galicia este proxecto itinerante conmemorativo das Letras Galegas 2019.
 
 
 
Arriba