10 set 2019

Román Rodríguez anuncia un plan de 7M€ para a ampliación e mellora da rede pública de albergues de cara ao Xacobeo 21

 O conselleiro de Cultura e Turismo avanza no Parlamento que o Consello da Xunta abordará este xoves a concreción dos novos establecementos de acollida

 
Subliñou que o Plan Estratéxico do Xacobeo 21 aposta pola participación dos galegos para que a celebración chegue a todo o territorio dun xeito sustentable
 
Lembrou que a programación da celebración será presentada a finais de ano e anticipa unha convocatoria de axudas para impulsar o turismo de congresos
 
Destacou as numerosas medidas emprendidas, con accións para o embelecemento da paisaxe, o compromiso coa calidade ou o mantemento e sinalización das rutas
 
Reclamou a implicación do Goberno do Estado na conservación dos Ben de Interese Cultural (BIC) a través dun “ambicioso proxecto” de rehabilitación
 
Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia.

 A Xunta de Galicia destinará máis de 7 millóns de euros á ampliación e mellora da rede pública de albergues de cara ao próximo Xacobeo 21. Así o avanzou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante a súa comparecencia a petición propia no Parlamento, na que explicou que este Plan de Albergues, un dos compromisos do Plan Estratéxico do Xacobeo 21, será abordado este xoves na reunión semanal do Consello da Xunta.

O titular de Cultura e Turismo lembrou que, na actualidade, a rede pública da Xunta conta con 70 establecementos que ofrecen máis de 3.200 prazas ao longo de 1.500 quilómetros nos diferentes Camiños. Neste sentido, o plan prevé acometer actuacións de mantemento e reforma nos albergues públicos e levar a cabo a ampliación e creación de novos locais atendendo a criterios como a descentralización dos fluxos turísticos, priorizando as rutas en auxe, e apostando pola rehabilitación de edificios históricos cun elevado valor patrimonial e histórico.

“Estamos ante un novo plan que vén a dar un impulso definitivo á rede pública de albergues, uns establecementos que son a esencia da acollida no Camiño de Santiago e da imaxe que levan de Galicia os peregrinos”, puntualizou, ao tempo que anunciou o “inminente inicio” das obras de construción do albergue de Vigo, adxudicado por 1 millóns de euros, ou a ampliación do albergue de Pontevedra por case 200.000 euros.

Achegas dos grupos parlamentarios

Román Rodríguez enmarcou estas accións no Plan Estratéxico do Xacobeo 21, a folla de ruta do vindeiro Ano Santo aprobada o pasado mes de xullo pola Comisión Organizadora do Xacobeo 21, o órgano que encargou a súa redacción. Na súa comparecencia, o conselleiro destacou que este documento é froito dun “proceso participativo”, que implicou a máis de 600 persoas, oito meses de traballo e varios centos de enquisas co fin de marcar as directrices deste evento, que cualificou como unha “oportunidade” para sentar as bases da Galicia da próxima década. De feito, concretou que o Plan incorporou tamén “nove de cada dez” achegas dos grupos parlamentarios, reflexando o espírito “participativo e transversal” do Xacobeo 21.

Segundo subliñou, o documento inclúe como eixos estratéxicos do primeiro Xacobeo dos últimos 11 anos aspectos como a implicación da poboación, a descentralización territorial, unha programación máis repartida temporalmente ou o obxectivo de levar a cabo accións “sustentables e perdurables no tempo”. Para desenvolvelos, explicou que xa se están levando a cabo diferentes medidas, entre as que destacou o Plan de Mantemento dos Camiños de Santiago, que comezará a executarse “de inmediato” e que inclúe un investimento de máis de 15 millóns de euros para garantir que todos os trazados se atopen nun estado óptimo antes, durante e despois da conmemoración.

Sinalización da Vía da Prata

A este proxecto súmanselle, entre outras, as accións de sinalización seguindo o calendario establecido no Plan Director do Camiño, no que a Xunta vén traballando desde o 2015 para preparar o Xacobeo 21 con antelación. Este ano, estes labores céntranse na Vía da Prata, na que se prevé actuar este outono con 3 millóns de euros para o seu acondicionamento mentres se traballa en diversas iniciativas que relancen a súa presenza entre os peregrinos. En 2020 será a quenda do Camiño de Inverno.

En paralelo, a Xunta está a levar a cabo medidas para o embelecemento das diferentes rutas co fin de que estas “amosen a mellor cara de Galicia, tanto para os galegos como para os peregrinos que nos visiten”. Neste eido, Román Rodríguez recordou que a Xunta vén de aprobar un proxecto, en colaboración coa Fundación Juana de Vega, co fin de eliminar elementos que deterioran a paisaxe.

Do mesmo xeito, destacou o “ambicioso proxecto” de rehabilitación e restauración dos Bens de Interese Cultural (BIC) do Camiño, acción para a que reclamou a “implicación” do Goberno do Estado. Ademais, o conselleiro lembrou a posta en marcha de proxectos para a mellora da calidade, como o convenio de colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para facilitar que os establecementos e albergues do Camiño poidan ter acreditada a súa excelencia na atención aos peregrinos.

Culminación do Monte do Gozo

No que respecta ás novas infraestruturas coa ollada posta no Xacobeo 21, o responsable de Cultura e Turismo anunciou que o proxecto de recuperación do Monte do Gozo está próximo á súa conclusión coa apertura do complexo de aloxamento tras un proceso de actualización e renovación, ademais de accións como o deseño dun Xardín de Inverno con especies autóctonas. Esta nova medida sumarase á ampliación do auditorio ou o a creación dun novo centro asistencial e turístico para o colectivo autista tras o acordo acadado con Aspanaes para a súa instalación neste recinto.

 

Román Rodríguez recordou, igualmente, que outro dos eixos de actuación do Goberno galego pasa por potenciar o turismo de eventos aproveitando o “plus” do próximo Ano Santo. Neste eido, avanzou que nos próximos días publicarase unha orde de axudas dotada con máis de 500.000 euros para entidades organizadoras de congresos, seminarios ou convencións, consolidando este mercado na nosa Comunidade.

‘O teu Xacobeo’ e O Son do Camiño

O conselleiro de Cultura e Turismo anticipou que o seu departamento está a traballar na programación do Xacobeo 21, que será presentada en sociedade a finais deste ano, se ben subliñou primeiros fitos como a exposición Galicia, un relato no mundo, que terá lugar na Cidade da Cultura en novembro deste mesmo ano e para que institucións de prestixio internacional están a ceder obras de gran valor simbólico.

Do mesmo xeito, Román Rodríguez destacou a boa acollida de iniciativas como O teu Xacobeo, á que a Xunta destina preto de 5 millóns de euros e que está permitindo a posta en marcha de máis de 350 proxectos da sociedade civil e os concellos. Tamén cualificou como un “enorme éxito” o de O Son do Camiño, plenamente consolidado no panorama de festivais a nivel nacional cunha acollida de público “extraordinaria” ao recibir máis de 200.000 persoas, “máis do 50% chegadas de fóra de Galicia”. No eido audiovisual, destacou o inicio da rodaxe de 3 Camiños, a primeira serie internacional transmedia sobre a Ruta Xacobea.

Implicación de toda a sociedade

Para o titular de Cultura e Turismo, a dimensión e a relevancia dun evento como o Xacobeo 21 fai “especialmente necesaria” a colaboración da sociedade civil a través de métodos como o sistema de patrocinios. Neste ámbito, recordou que a Xunta xa asinou o que ata o de agora é o maior patrocinio da historia deste evento con Hijos de Rivera, por valor de 6 millóns de euros, e avanzou que se prevé pechar novos acordos nas vindeiras semanas.

Román Rodríguez aproveitou a súa comparecencia na Cámara para facer un chamamento á implicación de todas as administracións no próximo Ano Santo, xa que polo momento só o Goberno galego concretou o seu investimento para esta celebración, que supera os 247 millóns de euros ata 2022. As estimacións económicas da Xunta, subliñou o responsable de Cultura e Turismo, pasan por que o Xacobeo 21 eleve un 1% o Produto Interior Bruto galego e xere 11.500 postos de traballo a tempo completo.

 

Arriba