20 set 2019

Cultura e Turismo presenta o proxecto de renovación que converterá o CSHG nun polo de innovación turística

 Román Rodríguez presentou  un plan de máis de 5 millóns de euros para poñer en marcha accións centradas nun turismo sustentable e de calidade

 
No eido formativo destaca a implantación do grao de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira na Universidade de Santiago coa colaboración do sector
 
O proxecto inclúe ademais unha estratexia de formación para profesionais en activo que favoreza a reciclaxe profesional e o estudo de novas tendencias
 
Porase en marcha un viveiro de empresas no centro para dinamizar a actividade emprendedora e teceranse alianzas con referentes do sector en todo o mundo
 
Modernizaranse as instalacións e servizos do complexo co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do complexo e aforrar case 45.000 euros ao ano
Presentación dos plans de innovación para o CSHG.

 A Xunta presentou o Plan 2020-2025 do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), unha folla de ruta que inclúe a mellora da oferta formativa, a aposta pola internacionalización e realización de actuacións de renovación das instalacións deste centro, que este ano celebrou o seu 25 aniversario como referente no sector turístico dentro e fóra da nosa Comunidade. Foi nunha rolda de prensa na que participou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a vicerreitora de Titulacións da Universidade de Santiago (USC), Victoria Otero, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

O responsable de Cultura e Turismo explicou que o plan conta cun investimento de máis de 5 millóns de euros para poñer en marcha accións ligadas ao modelo turístico do Goberno galego, “centrado na sustentabilidade, a calidade e a mellora da competitividade e a profesionalización do sector”. No eido formativo, destacou a implantación do grao de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira que botará a andar na USC no curso 2021-2022, coincidindo coa celebración do Xacobeo 21.

A titulación permitirá mellorar a formación regrada do CSHG e contará coa participación e implicación do Clúster Turismo de Galicia e doutros profesionais do sector a nivel autonómico, nacional e internacional. Neste sentido, Román Rodríguez salientou que a posta en marcha desta titulación permitirá que o centro siga sendo “referente dunha formación solvente, sólida e de alto nivel, dentro e fóra das nosas fronteiras”. A implantación deste grao culminará no ano 2025 cando finalicen os seus estudos os alumnos da primeira promoción egresada.

Formación para profesionais en activo

A mellora formativa do CSHG completarase cunha estratexia de formación para profesionais en activo, xa en fase de deseño, que favoreza a reciclaxe profesional a outros sectores, a formación en novas tendencias, a innovación vinculada ás particularidades de cada territorio e que atenda aos turismos emerxentes e á accesibilidade. O proxecto inclúe, ademais, a celebración de cursos, seminarios, accións formativas ou foros de debate. De feito, este mesmo ano iniciaranse os primeiros cursos de idiomas para profesionais co fin de mellorar a súa formación e favorecer a súa capacidade de traballo en entornos diversos e multilingües.

Outro dos proxectos incluídos no Plan 2020-2025 é a creación dun viveiro de empresas nas instalacións do centro para dinamizar a actividade emprendedora no eido turístico e gastronómico. En concreto, habilitaranse espazos para dar cabida ata cinco empresas e crearanse zonas de reunión e melloras nos servizos, o equipamento e os recursos do centro “co fin de lograr un ambiente que propicie a cultura corporativa e de innovación.

Estadías profesionais e intercambios

Co obxectivo de favorecer aínda máis a internacionalización e a proxección exterior do centro, outro dos eixos de actuación do CSHG nos próximos anos pasa por promover estadías profesionais, intercambios e a participación en distintos proxectos europeos e internacionais. Así mesmo, teceranse alianzas cos principais axentes, profesionais e centros referentes no sector en todo o mundo.

Por último, o plan de actuación recolle unha modernización das súas instalacións e servizos, entre os que figura unha reforma integral da envolvente do edificio co fin de mellorar a súa eficiencia enerxética. “Imos mellorar o equipamento de xeito progresivo co obxectivo de que sexa un reflexo dun turismo moderno e sustentable”, puntualizou o titular de Cultura e Turismo, que asegurou que estas actuacións favorecerán un aforro enerxético de case 45.000 euros ao ano.

Horizonte Xacobeo 21

Román Rodríguez subliñou que as actuacións recollidas no Plan 2020-2025 do CSHG permitirán que o complexo “siga sendo un referente do modelo turístico da Xunta, sustentado na calidade e a excelencia”, coa ollada posta no próximo Xacobeo 21. Neste sentido, agradeceu a colaboración de entidades como a USC, o Clúster Turismo de Galicia e outros profesionais do sector “por facer do CSHG un punto de encontro de todos os axentes implicados no ámbito turístico”.

 

Arriba