30 set 2019

Santiago acolleu o foro final do proxecto europeo Eurovelo-3 para a ruta cicloturística que une Galicia con Noruega

 A directora de Turismo, Nava Castro, participou na sesión plenaria xunto aos socios de España, Bélxica, Francia, Suecia e Dinamarca

Nava Castro, na reunión de Eurovelo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Santiago de Compostela no foro final do proxecto europeo Eurovelo-3 para a creación dun itinerario europeo que une Noruega con Galicia a través desta ruta ciclista de longa distancia que permite promover un produto transnacional ao redor do cicloturismo.

Durante a súa intervención, Nava Castro salientou a importancia de que Galicia se inclúa neste itinerario que permitirá unir España, Bélxica, Francia, Suecia e Dinamarca cun percorrido de máis de 5.000 km, dos que 200 km están en Galicia. Así, durante o foro expuxéronse as diferentes infraestruturas e servizos cos que xa conta a Comunidade neste ámbito, entre elas a rede de Centros BTT, composto por catro dotacións distribuídas no Salnés, na Gudiña e Viana do Bolo, na Serra do Xurés e na Ribeira Sacra, que aspira a converterse en Patrimonio Mundial. Tamén se puxo de manifesto a importancia da bicicleta en itinerarios como o Camiño de Santiago e a posta en marcha de diversas iniciativas.

O proxecto europeo Eurovelo-3 inclúese na rede europea de rutas ciclistas Eurovelo que fai posible atravesar Europa en bicicleta a través de 15 itinerarios para uso e desfrute tanto de cicloturistas de longa distancia como dos propios veciños de cada un dos territorios. Estas rutas ciclistas permiten pedalear desde rexións do Atlántico ata zonas do Mar Negro e do Ártico ao Mediterráneo a través de rutas temáticas que suman en total máis de 70.000 km.

A presenza de Galicia neste proxecto enmárcase no itinerario número tres que se inspira nas rutas de peregrinación e conta como socios con Pangea Educación e Deporte na Natureza, de Madrid; European Cyclist’s Federation e Provelo, de Bélxica; a Rexión Ille de France, de Francia; Cykelfrämjande, de Suecia, e Vejle Municipality e Jellin Mounds, Runic Stones adn Church, de Dinamarca.

 

Arriba