05 nov 2019

Cultura e Turirmo a promove o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21 no Instituto Cervantes de Polonia

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou os valores da Ruta Xacobea e invitou á poboación polaca a ser partícipe do vindeiro Ano Santo

 
Percorreu en Cracovia a exposición ‘O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación’, do monfortino Manuel Valcárel
 

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, realizou unha viaxe institucional a Cracovia  que completpu cun relatorio sobre o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21 no Instituto Cervantes, onde deu a coñecer e repasou a historia desta ruta de peregrinaxe que vertebra España e Europa.

Durante a súa intervención, na que estivo acompañado pola comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, o titular de Cultura da Xunta destacou que o Camiño de Santiago é unha das arterias que deu orixe á Europa que hoxe coñecemos, “unha ruta que conta a nosa historia e pola que se transmitiron os valores que explican quen somos”, afirmou. “O respecto e a tolerancia polos demais son a base destes valores que empapan cada pedra do Camiño e que se complementan coa xenerosidade, hospitalidade e sacrificio, características presentes nos galegos e nos peregrinos que chegan a Galicia”, engadiu o conselleiro.

Ao fío disto, e ante o director do Instituto Cervantes en Cracovia, Fernando Martínez-Vara, e o embaixador de España en Polonia, Francisco Javier Sanabria, presentes no acto, lembrou que centos de nacionalidades están representadas a través dos peregrinos e, concretamente, lembrou que desde Polonia chegaron máis de 20.000 no último lustro e preto de 5000 no que vai de 2019. Unha cifra que cobra especial importancia tendo en conta que nos atopamos na antesala do Xacobeo 21, “a gran posta de longo dos Camiños e unha oportunidade única para proxectar a mellor Galicia de cara ao exterior”, afirmou Román Rodríguez. Neste contexto, o conselleiro aproveitou esta viaxe para estender unha invitación á poboación polaca para que gocen do vindeiro Ano Santo, o que será unha gran festa dos valores que nos definen como europeos.

O encontro contou co faladoiro do Peregrinacións de polacos a Santiago de Compostela. Pasado e presente, a cargo do profesor da Pedagogical University of Karków, Franciszek Mróz, e Camiño de Santiago. Cosmovisión e cultura, de Francisco Singúl, membro da área de Cultura Xacobea da Xunta.

Exposición sobre o Camiño de Santiago

Posteriormente, Román Rodríguez visitou a exposición O Camiño de Santiago. Unha experiencia contemporánea de peregrinación, unha mostra formada por preto dunha vintena de imaxes e por un documental do monfortino Manuel Valcárcel, que recolle a natureza, o patrimonio artístico, as cidades e as paisaxes das Rutas Xacobeas, así como a convivencia, o encontro, o esforzo ou a mestura de culturas. Trátase dunha exposición itinerante que xa pasou polas cidades estadounidenses de Boston, Chicago e Carolina del Norte así como por Lorient (Francia) e Bos Aires (Arxentina).

A xornada finalizou cunha degustación de produtos galegos cedidos por Galicia Calidade e Anfaco-Cecopesca, coa colaboración da Consellería do Mar, o que permitiu aos presentes saborear a gastronomía galega.

Mouteira en Cracovia

Nesta viaxe institucional, a Xunta de Galicia sinalizou o Camiño de Santiago en Polonia coa instalación dun fito a 4.184 quilómetros de Santiago de Compostela fronte á chamada ventá do Papa Xoán Paulo II no Pazo Bispal de Cracovia.

A mouteira instalada onte en Cracovia é a quinta situada polo Goberno galego logo das ubicadas en Glasgow, Bruxelas, Lorient e Río de Janeiro nos últimos meses co fin de favorecer a internacionalización do Camiño de Santiago. Neste sentido, o responsable de Cultura e Turismo destacou que a instalación deste símbolo servirá para lembrar que tanto Galicia como Polonia “compartimos un mesmo destino e temos un camiño común”.

 

 

 

Arriba