17 feb 2021

Nava Castro pon en valor a liña de axudas para establecementos turísticos das que xa foron beneficiadas 80 empresas

 A directora de Turismo de Galicia compareceu  no Parlamento para dar conta das axudas autonómicas para a mellora de aloxamentos turísticos e de restauración

 
Un total de 80 establecementos beneficiáronse destas axudas en 2020 cunha mobilización de recursos por valor de máis de 8,3 millóns de euros
 
A convocatoria deste ano, dotada con 3,5 millóns de euros, está aberta con axudas de ata 50 mil euros por establecemento, compatibles con calquera outra subvención
 

A directora de Turismo de Galicia compareceu na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia para dar conta dunha pregunta arredor da liña de axudas para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración, que nesta edición contan cun orzamento de 3,5 millóns de euros, un 133% máis respecto ao ano pasado.

Segundo destacou a directora de Turismo de Galicia, este forte incremento obedece tanto á “necesidade de apoiar a un sector fortemente prexudicado pola pandemia” como a “aposta pola renovación e modernización das instalacións e o embelecemento das súas contornas co obxectivo de obter certificacións de calidade ou incrementar a categoría dos establecementos”, feitos ambos que redundan nunha oferta turística moderna, de calidade e cada vez en maior medida “sensibilizada coa sustentabilidade e a dixitalización, cuestións que teñen cada vez máis importancia para os viaxeiros”.

Un total de 80 establecementos turísticos beneficiáronse destas axudas na convocatoria de 2020, o que supuxo unha mobilización de recursos no ámbito turístico de 8,3 millóns de euros dos que algo máis do 80% destináronse a aloxamentos turísticos. O resto, algo máis de 1,5 millóns de euros, mobilizouse en actuacións en establecementos de restauración, tipoloxía que por vez primeira accedeu o ano pasado a esta liña de axuda.

Orzamento triplicado

Durante a súa comparecencia no Parlamento, Nava Castro puxo en valor a forte aposta da Xunta de Galicia polo turismo a través de liñas de apoio ao sector como esta, que triplicou a súa partida orzamentaria desde a súa creación, en 2018.

Castro puxo en valor, ademais, tanto a amplitude como a diversidade territorial e de tipoloxía dos seus beneficiarios que permitiu que puideran acceder hoteis, albergues, pensións, apartamentos, campamentos de turismo, casas de turismo rural ou restaurantes das catro provincias.

As actuacións que se encadran dentro desta liña son de renovación de equipos mobiliarios, remodelación de baños e de zonas comúns, accesibilidade, aforro enerxético, climatización e modernización de equipos, con subvención de ata o 50 % sobre o orzamento do investimento subvencionable. O importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria pode ser de ata 50.000 € na convocatoria deste ano.

A directora de Turismo de Galicia destacou por último que estamos diante dunha “liña necesaria, oportuna e eficiente para o sector”, que se ven demostrando “como unha ferramenta adaptable ás necesidades e peticións do sector” e que, por todo iso, debe ter continuidade no tempo, tamén como medida complementaria ao resto que se están a por en marcha no marco dos distintos Plans de reactivación e Choque orientados a facer de Galicia un destino seguro e cunha oferta turística adaptada para facer fonte aos efectos e desafíos da pandemia.

 

Arriba