15 abr 2021

A Xunta colabora coa Catedral na reapertura das visitas desde hoxe ao Pórtico da Gloria

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez participaron  na presentación do programa de visitas gratuítas, que se retoman con aforo limitado e reserva previa despois da cancelación pola covid-19

Alfonso Rueda destacou que Galicia está preparada para recibir aos peregrinos neste Xacobeo con toda seguridade cando a situación sanitaria o permita
 
Román Rodríguez afirmou que o traballo feito na basílica permitirá deixar ás vindeiras xeracións un ben conservado, coidado e protexido
Alfonso Rueda, con Román Rodríguez, na visita á Catedral de Santaigo.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participaron  xunto co deán da Catedral de Santiago, José Fernández Lago, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, na presentación da reapertura desde hoxe das visitas ao Pórtico da Gloria despois dos meses pechado debido á covid-19.

No acto deuse a coñecer o sistema de visitas gratuítas ao conxunto escultórico desde o interior da catedral, que a Xunta apoia no marco da colaboración coa Fundación Catedral para reforzar a vixilancia e a seguridade no templo. Ademais, o programa de visitas establece un aforo limitado de grupos de 20 persoas e requirirase retirada previa de invitacións na recepción do Museo da Catedral.

Alfonso Rueda destacou que Galicia está preparada para recibir aos peregrinos que, unha vez que a situación sanitaria o permita e se recupere a mobilidade, rematen o seu Camiño na Catedral compostelá. Sinalou que ao chegar á meta das súas rutas contemplarán este monumento Patrimonio da Humanidade en todo o seu esplendor tras os traballos de restauración, entre eles os da recuperación do Pórtico da Gloria.

Así, incidiu en que este Xacobeo ofrece unha oportunidade para reactivar o turismo, motivo polo que a Xunta leva tempo traballando na posta en marcha de tódalas medidas de prevención ante a covid-19 nas infraestruturas do Camiño, nas distintas rutas e nas súas contornas, co obxectivo de reforzar a mensaxe de que Galicia é un destino seguro cun turismo e un Camiño seguros.

De cara a este Ano Santo Dobre, o Goberno galego tamén colabora coa Catedral de Santiago en medidas como o reforzo da atención aos peregrinos e visitantes que recibe o Centro internacional de acollida aos peregrinos ou na aplicación das novas tecnoloxías e a dixitalización para controlar os fluxos de visitantes.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, sinalou que esta boa nova chega “cando estamos cada vez máis preto de completar unha das maiores actuacións realizadas recentemente nun ben declarado Patrimonio da Humanidade”. “Foi un longo camiño porque son obras de gran envergadura que, en moitos casos, deron pé a outras actuacións. Pese a complexidade dos traballos, as principais intervencións están xa rematadas”, afirmou antes de precisar que o traballo feito tanto no Pórtico da Gloria como no resto da basílica permitirá que deixemos “ás vindeiras xeracións un ben conservado, coidado e protexido que poida durar, canto menos, outros oito séculos”.

 

Arriba