11 out 2021

Turismo de Galicia promove a celebración do 'III Encontro Interrelixioso' en Santiago de Compostela

 Este acontecemento desenvolverase os días 22 e 23 de outubro coa colaboración da Igrexa Metropolitana de Santiago

 
No programa figuran autoridades das confesións islámica, hindú, ortodoxa serbia, ortodoxa siria e católica
 
Está aberto o prazo de inscrición, a cal se pode facer a través da web caminodesantiago.gal
 
Catel anunciador do congreso,

 A Xunta de Galicia e a Igrexa Metropolitana de Santiago promoven a celebración do III Encontro Interrelixioso con motivo do Ano Santo Compostelán e o Xacobeo 21-22, que se celebrará os días 22 e 23 de outubro no Auditorio Abanca de Santiago (Preguntoiro, 23). Esta reunión desenvolverase baixo o título de Dignidade humana, migración e fraternidade e inspirada na encíclica Fratelli Tutti da Súa Santidade o papa Francisco.

O acontecemento artéllase en dúas xornadas nas que se distribuirán diversas conferencias seguidas de mesas redondas, nas que participarán 15 personalidades relixiosas e académicas. A clausura reunirá a todos nun acto de oración en común na igrexa de San Martiño Pinario, nunha convocatoria aberta ao público, pero que require inscrición previa.
 
No programa figuran autoridades das confesións islámica, hindú, ortodoxa serbia, ortodoxa siria e católica. Está prevista a asistencia do cardeal Miguel Ángel Ayuso Guixot –presidente do Pontificio Consello para o Diálogo Interrelixioso da Santa Sé–, que abrirá o encontro, así como o arcebispo emérito de Sevilla, o cardeal Carlos Amigo, así como a ministra de Defensa, Margarita Robles, entre outras personalidades.
 
O cardeal Ayuso realizará a conferencia inaugural, e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, e o imán e teólogo musulmán da Comisión Islámica de España, Abdelaziz Hammaoui,clausurarán o evento cunha conferencia dual.
 
As inscricións poden realizarse no enderezo web https://xacobeo2021.caminodesantiago.gal/gl/detalle-evento?eventoId=X0144
 
Arriba