09 nov 2021

A Xunta e Afundación presentan a mostra “Galicia a un paso de ti” na que se convida aos visitantes a redescubrir a Comunidade

 O delegado territorial da Xunta e a coordinadora adxunta de Cultura de Afundación inauguraron a mostra que estará na sede da entidade ata o 8 de xaneiro

 
Inauguración da exposición, na Coruña.

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, inaugurou a exposición “Galicia a un paso de ti” na que o fotógrafo Adolfo Enríquez, mostra a través de 200 imaxes a natureza e o patrimonio da comunidade e o Camiño de Santiago. A mostra permanecerá na cidade ata o 8 de xaneiro.

Trenor destacou que “os visitantes terán a oportunidade de descubrir algúns dos segredos que os galegos podemos gozar sen saír de Galicia. E non falamos só da Galicia rural, afeita a deixarse retratar polos buscadores de paz e harmonía- Atoparemos pendurados destas paredes moitos exemplos de lugares que se asoman desde as sete cidades galegas” Así subliñou que “esta exposición confirma que Galicia é un destino con infinidad de recursos turísticos dos que esta mostra plasma algúns exemplos das marabillas e tesouros deste territorio”.
 
Nesta liña, lembrou que o turismo interno está a ser clave na reactivación do turismo galego, motivo polo cal a Xunta aposta por programas destinados a inxectar liquidez ao sector como o Bono Turístico ou Elixe Galicia, con paquetes turísticos para animar aos galegos a coñecer a súa propia terra.
 
Deste xeito, Trenor puxo en valor o acerto de fomentar a mensaxe de Galicia como un destino seguro e de calidade o que permitiu que turistas e peregrinos visitaran a nosa comunidade, do mesmo xeito que están a facer os propios galegos.
 
Neste senso, lembrou que Galicia vai a destinar, no segundo ano do Xacobeo 21-22, 85,8 millóns de euros para seguir na senda de recuperación do turismo e para celebrar o Ano Santo que Galicia se merece. De feito Turismo de Galicia incrementará o seu orzamento nun 12% ata acadar os 126 millóns de euros, coa finalidade de seguir afianzando este sector. “Cunha recuperación do turismo 22 puntos por riba da media nacional, a Xunta redobrará a súa aposta polo sector para seguir botando man do turismo como un dos motores da recuperación económica”, salientou o delegado.
 
A mostra de Turismo de Galicia vira ao redor de tres alicerces fundamentais: natureza, patrimonio e Camiño de Santiago. Esta diversidade permite descubrir instantáneas da Galicia interior bañada por mil ríos, da súa praias e dos seus parques naturais, do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero tamén dos roteiros xacobeos e a zona histórica de Compostela ou monumentos como a Muralla de Lugo ou da Torre de Hércules, declarados todos eles pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, ademais dunha multitude de imaxes das da gastronomía, das festas ou os costumes conservado ao longo dos séculos, nunha simbiose perfecta de tradición e modernidade.
 
As 216 imaxes son unha mostra representativa de todo o esplendor de Galicia, que serven para cativar a quen non a coñece e para convidar a quen a habita a descubrir pequenos paraísos que están apenas a uns pasos.
 
O autor
As imaxes da mostra pertencen ao fotógrafo Adolfo Enríquez (Porto do Son, 1965), que empezou na fotografía aos 14 anos ata converterse nun nomeado profesional cunha gran paixón polos escenarios naturais de Galicia. Unha devoción plasmada en guías e revistas de viaxes; exposicións en varios continentes, e nos libros Cara a Santiago e Sente Galicia.
 
Arriba