27 dec 2022

A enogastronomía centrará o 2º Plan territorial co que Galicia se beneficiará de 31,7M€ de fondos europeos

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada da alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, participou na primeira xornada informativa para achegar as principais características que deberán incluír os proxectos que se inclúan no Plan Territorial de Enogastronomía, que se desenvolverá entre 2022 e 2025

 
Este novo Plan Territorial permitirá desenvolver actuacións orientadas á innovación na cociña, a posta en valor dos territorios vitivinícolas ou á mellora da comercialización e da promoción de novos produtos turísticos vencellados á enogastronomía galega
 
Xornada informativa do Plan territorial de enogastronomía.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou xunto á alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, na primeira xornada informativa sobre a Estratexia de Sustentabilidade Turística en Destino 2022: Enogastronomía que a Xunta vai impulsar no marco do desenvolvemento da Estratexia de Sostibilidade Turística en Destino que se está a desenvolver con fondos europeos Next Generation.

Logo de que Xunta e Goberno central aprobaran  en Conferencia Sectorial de Turismo o primeiro dos Plans Territoriais que se vai impulsar no marco destes fondos europeos, o Plan Territorial do Litoral, a través do que Galicia recibirá 29,3 millóns de euros de fondos Next Generation, Turismo de Galicia está a impulsar os primeiros contactos con entidades locais e con sector para avanzar nos proxectos do que será o seguinte Plan Territorial.

Tal e como se fixo con Plan Territorial do Litoral, a Xunta identificou unha prioridade para o seguinte plan, a enogastronomía, por considerar que é un dos recursos turísticos claves do modelo turístico galego.

Este novo plan, para o que se destinarán 31,7 millóns dos fondos europeos, deberá estar aprobado a mediados do vindeiro ano, “polo que os proxectos que se inclúan nel terán que presentarse ao longo do primeiro trimestre de 2022, de aí a necesidade de que comecemos a traballar nas propostas e os proxectos tractores que se presentarán tanto para as Accións de Cohesión en Destino (ACD) como para os Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD)”, explicou Nava Castro.

Innovación e impulso á dixitalización

Tanto ACD como PSTD deberán estar aliñados cos obxectivos fixados na Estratexia xeral, isto é: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade, ademais de estar orientados ao desenvolvemento de actuacións que teñan que ver co enoturismo, a innovación gastronómica ou ao desenvolvemento de novos produtos e experiencias relacionadas coa gastronomía, os produtos enogastronómicos ou os territorios nos que se asentan.

O Plan Territorial de Enogastronomía desenvolverase no horizonte 2022-2025 co obxectivo de promocionar e mellorar Galicia e os diferentes territorios como destino enogastronómico de primeiro nivel poñendo en marcha actuacións transformadoras en diferentes territorios que nos permitan avanzar na transición verde, na mellora da eficiencia enerxética e na mellora da competitividade nos ámbitos de influencia dos territorios vitivinícolas e aqueles vencellados con outros produtos gastronómicos.

 

Arriba