10 xan 2022

A Xunta presentará a Galicia en Fitur como destino aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo

 Nun stand de máis de 1.000 metros cadrados confluirán os valores tradicionais da oferta turística galega coa imaxe dunha Galicia nova en constante transformación, co Camiño de Santiago como eixo central

 
Levaranse a cabo case medio centenar de presentacións de produtos e destinos turísticos e unha vintena de catas que se desenvolverán nunha ducia de espazos expositivos e informativos
 
Os asistentes poderán fotografarse de novo co botafumeiro de prata e tamaño real realizado por ourives hai máis de 60 anos e que nesta ocasión formará parte dun set que xogará con espellos como símbolo das moitas facianas de Galicia como destino turístico
 
O xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, subliñou na presentación da 42ª edición da feira internacional de turismo Fitur 2022 que Galicia demostrou no 2021 que era un destino seguro, “e volverá facelo no 2022”
 
Presentación do stand de Galicia en FITUR 2022

A Xunta volve a Fitur cun stand de máis de 1.000 metros cadrados no que presentará a Galicia como destino aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo e no que confluirán os valores tradicionais da oferta turística galega coa imaxe dunha Galicia nova en constante transformación, co Camiño de Santiago como eixo central.

O xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, presentou  no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia a proposta da Xunta para a 42ª edición da feira internacional de turismo, que recupera a súa data tradicional a principios de ano e que se celebrará de xeito presencial do 19 ao 23 de xaneiro; os tres primeiros días só para profesionais do sector e a fin de semana, para o público en xeral. Emilio de la Iglesia subliñou que se trata dun escaparate único para Galicia, “que xa demostrou no 2021 que era un destino seguro e que volverá facelo no 2022”.

O stand terá un deseño moderno e de cores vistosas que queren simbolizar a esperanza e a ilusión coa que Galicia afronta o segundo ano do Xacobeo logo de demostrar no 2021 que era un destino seguro e bater récords no que á recuperación do sector se refire malia a pandemia. Nese sentido, o espazo expositivo contará de novo coa presenza do botafumeiro de prata en tamaño real realizado por ourives hai máis de 60 anos e co que, como no 2021, os visitantes poderán fotografarse. Nesta ocasión formará parte dun set que xogará con espellos como símbolo das moitas facianas de Galicia como destino turístico.

En Fitur 2022, Galicia presentará medio cento de produtos e destinos turísticos e unha vintena de catas que se desenvolverán nunha ducia de espazos expositivos e informativos. Tamén haberá mostras de produtos enograstronómicos galegos de calidade coa participación de profesionais e de persoal de Centro Superior de Hostelería de Galicia, así como espazos para a exhibición de artesanía en vivo, co apoio de medios audiovisuais e da campaña Camiña a Galicia.

Cos deberes feitos

Emilio de la Iglesia indicou que Galicia chega a Fitur “ilusionada e esperanzada” logo de ter feito os deberes no 2021, de tal maneira que se situou como líder na recuperación turística nacional, 22 puntos por riba da media, ata acadar no verán cifras similares ás da prepandemia. Un éxito que o xerente da Axencia de Turismo de Galicia fixo extensivo ao Camiño de Santiago, que pechou o ano con preto de 180.000 Compostelas, un 20% máis das previstas. Ao seu entender, “é froito da responsabilidade e do sentidiño dos profesionais, dos nosos visitantes e do conxunto da sociedade galega”.

Con eses antecedentes, a Xunta e o sector queren demostrar que, en tempos de pandemia, Galicia é un refuxio e o Camiño, “un oasis turístico ao aire libre”. O Xacobeo xa foi no 2021 un dos motores da recuperación económica de Galicia e Emilio de la Iglesia asegurou que seguirá a selo no 2022 como eixo central dunha Galicia en constante renovación que, aos seus valores tradicionais, suma novas propostas turísticas e bota man das novas tecnoloxías para adaptarse ás necesidades dos visitantes do século XXI.

“Vamos a Fitur coa mensaxe de que Galicia está de moda cunha oferta de calidade que é a que demandan os turistas logo da pandemia”. Espazos abertos non masificados, actividades ao aire libre, gastronomía, cultura e deportes conforman esa variedade que se reflicte nos espellos do stand galego na feira internacional de turismo.

Seguridade sanitaria

Fitur 2022 celebrarase de novo no recinto ferial Juan Carlos I de Madrid entre o mércores 19 e o domingo 23, ambos incluídos. Para reforzar a seguridade sanitaria, vaise pedir o pasaporte covid, o certificado dixital europeo, aos cidadáns da Unión Europea e dos países que fagan uso desta mesma acreditación, mentres que aos demais países se lles solicitará o Spain Travel Health, así como test de antíxenos negativos de non poder presentar o pasaporte de vacinación. No recinto haberá tamén un rigoroso control de ocupación e da ventilación.

Fitur 2021 supuxo o reencontro do sector turístico trala pandemia, se ben tivo que adiarse ao mes de maio. A edición do 2020, con 253.000 visitantes, foi a última das grandes feiras internacionais do sector turístico que se celebrou antes dos confinamentos e peches de fronteiras. A de 2021 pechouse con 62.000 visitantes. Fitur foi a única das grandes feiras europeas de turismo que non deixou de celebrarse de xeito presencial en ningunha edición.

 

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba