03 mai 2022

A Xunta apoia o documental “Outros Camiños” na súa aposta por un Camiño inclusivo e igualitario

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu en Madrid á presentación do traballo dirixido por Rubén Ríos que recolle o proxecto que leva a cabo a Asociación DisCamino de Vigo para dar a coñecer a visión máis social da ruta xacobea

 
Alfonso Rueda gabou o traballo por reflectir as esencias do Camiño: “Unha experiencia diversa e inclusiva que mestura persoas de diferentes nacionalidades, razas e condición”
 
Alfonso Rueda, en Madrid.

 O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu nos Cines Callao de Madrid á presentación do documental Outros Camiños, unha obra dirixida e producida polo cineasta galego Rubén Ríos que amosa a visión máis social da ruta xacobea coa colaboración da Asociación DisCamino de Vigo e o apoio da Xunta a través do Xacobeo 21-22 na súa aposta por un Camiño inclusivo e igualitario.

Alfonso Rueda, que asistiu á premier acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, gabou o traballo audiovisual porque, ao seu entender, reflicte as esencias do Camiño, “unha experiencia diversa e inclusiva que mestura persoas de diferentes nacionalidades, razas e condición”.
 
O documental dá a coñecer unha profunda experiencia de vida a través dun grupo de persoas con parálise cerebral enmarcada nun clima cargado de enerxía positiva no que catro protagonistas amosan as súas relacións con outras persoas nun percorrido de 500 km. no Camiño. O traballo tamén dá visibilidade ao proxecto da Asociación DisCamino, con Javier Pitillas ao fronte, e a súa experiencia logo de ter percorrido en quince ocasións as rutas xacobeas.
 
O documental é obra da produtora Claqueta Coqueta, especializada no ámbito da exclusión e a vulnerabilidade social. O seu director, Rubén Ríos, xa foi recoñecido polo seu traballo Máis ca vida, realizado por persoas con discapacidade intelectual.
 
A colaboración da Xunta co audiovisual encádrase na súa aposta por un Camiño inclusivo e igualitario da man da celebración do Xacobeo 21-22. Con ese obxectivo, o Goberno galego leva feito nos últimos anos un particular esforzo por eliminar barreiras das rutas xacobeas e adaptar os albergues, ademais de traballar con asociacións como DisCamiño para favorecer o encontro e a inclusión a través da experiencia do Camiño.
 
Arriba