24 mai 2022

A directora de Turismo de Galicia destaca nun workshop en Porto o peso do mercado luso no proceso de recuperación do sector turístico galego

 Nava Castro, participou na presentación do acto xunto ao presidente do Clúster de Turismo de Galicia e o presidente de Turismo Porto e Norte de Portugal no WOW

 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  no workshop Galicia Meet Portugal, impulsado pola Xunta e o Clúster Turismo de Galicia coa finalidade de mellorar a comercialización do turismo galego no país luso. Tralo encontro empresarial celebrouse un acto institucional de presentación de destino no tamén participaron o  presidente do Cluster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e polo presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martins.

Na súa intervención, Castro destacou que dende a Xunta “apóstase por un turismo de calidade no que o Camiño de Santiago e o Xacobeo xogan un papel fundamental”. Ademais, sinalou que a comunidade “conta cunha oferta dun turismo aberto, sen masificacións, con paisaxes e unha natureza sen igual ou con propostas gastronómicas e vitícolas de recoñecemento internacional”
 
Así mesmo, destacou a importancia do mercado luso na economía galega, salientando o turismo de Portugal como o principal mercado internacional para Galicia e a recuperación dos visitantes do país luso como un eixe de actuación fundamental.
 
A acción impulsada en Porto contou coa participación dun total de 25 empresas galegas, a metade de aloxamentos turísticos, un 25% axencias de turismo e un 25% dedicadas á oferta complementaria. O acto completouse coa proxección dun vídeo promocional e unha cea degustación.
 
 
Arriba