28 xuñ 2022

A Xunta participa na presentación do Resurrection Fest no marco dos concertos do Xacobeo que reunirá esta semana en Viveiro a máis de 120 bandas e artistas

O festival terá lugar do 29 de xuño ao 3 de xullo. Contará coa participación de bandas como Deftones, Bullet for my Valentine, Alien Weaponry, Sabaton, Avenged Sevenfold e Judas Priest, entre outros

O acontecemento consolídase como unha das principais citas europeas e a máis importante de España no seu xénero
 
Nava Castro animounos a solicitar declaración do festival como Festa de Interese Turístico de Galicia
 
 Este festival enmárcase na programación de Concertos do Xacobeo, un evento que espallará música por toda Galicia con 350 artistas de primeiro nivel que chegarán a todos os recunchos da comunidade
 
Nava Castro, na presentación do Resurrection Fest..

 A directora de Turismo, Nava Castro, participou na presentación da 16 edición do Resurrection Fest, que terá lugar en Viveiro do mércores 29 de xuño ao domingo 3 de xullo coa participación de máis de 120 artistas e bandas, entre os que se encontran grandes nomes internacionais como Deftones, Bullet for my Valentine ou Alien Weaponry,Sabaton,Avenged Sevenfold e Judas Priest, entre outros.

Gracias á espectacularidade do cartel, así como á súa especialización musical, este evento consolídase como unha das principais citas europeas e a máis importante de España no seu xénero. Así púxose de manifesto esta mañá na presentación oficial que tivo lugar en Viveiro e na que interveu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Durante a súa intervención, Castro destacou a importancia deste tipo de celebracións, xa que, gracias a súa calidade, este festival consolídase como un dos grandes do Xacobeo, atraendo a máis de 140.000 persoas a participar no mesmo durante os seus 5 días de duración. Por iso, a directora de Turismo de Galicia animounos a solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.  

“Temos que sentirnos enormemente orgullosos do traballo realizado, de que celebracións como a que estamos a presentar acaden un éxito internacional e sexan un elemento tractor e dinamizador tanto do sector cultural e turístico como do conxunto da sociedade e do territorio” finalizou a directora de Turismo de Galicia.

Ademais do patrocinio como cita destacada dos Concertos Xacobeo, o Resurrection FEST conta cunha achega adicional ao seu financiamento a través das subvencións a festivais de música que convoca cada ano a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Á presentación tamén asistiron o director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; o director de Patrocinios Musicais de Estrella Galicia, Víctor Martiñán; e o CEO de Bring The Noise e director do  festical, Iván Méndez.

 Este festival enmárcase na programación de Concertos do Xacobeo, un evento que espallará música e espectáculo por toda Galicia con 350 artistas de primeiro nivel que chegarán a todos os recunchos da comunidade para celebrar un Ano Santo extraordinario

 
Arriba