07 mar 2023

Turismo de Galicia participa na presentación de “O Gozo festival” que nace coa intención de traer a Galicia cada ano aos mellores artistas nacionais e internacionais

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación que tivo lugar no Monte do Gozo

 
O evento programará en Galicia actuacións de grandes artistas internacionais e nacionais como Pixies, Zaz, Robbie Williams, Nilhs Frahm, Martin Garrix, Hombres G ou Iván Ferreiro
 
O sábado 11 de marzo actuarán Pixies na Coruña, e o vindeiro 19 de marzo, Zaz en Vigo
Presentación do Gozo Festival.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación de “O Gozo Festival”, un proxecto que nace coa  intención de traer a Galicia cada ano actuacións de grandes artistas nacionais e internacionais.

Durante a súa intervención, Nava Castro destacou a importancia de levar a cabo este tipo de eventos grazas aos cales, amósase a España e ao mundo que Galicia segue dando pasos adiante na programación cultural e que, ademais, faino en contornas tan espectaculares como o Monte do Gozo.
 
 “Celebracións coma as que estamos a presentar acadan un éxito internacional, fomentando así que se constitúan como un elemento tractor e dinamizador tanto do sector cultural como no turístico”, indicou Nava Castro.
 
Buscando propoñer unha variada oferta cultural en múltiples lugares, este festival desenvolverase ao longo do ano en diferentes cidades galegas, abarcando varios estilos musicais. Así, este sábado actuarán Pixies na Coruña, e o 19 de marzo, Zaz en Vigo. O vindeiro 8 de xullo, no Monte do Gozo actuarán Robbie Williams, Martin Garrix, Hombres G e Iván Ferreiro. E no mes de novembro, actuará Nils Frahm en Santiago
 
 “A dimensión das celebracións galegas xa traspasou calquera fronteira e serviu como motor económico e ferramenta de promoción turística de Galicia para o mundo. Dende o Goberno galego estamos moi orgullosos de ter o privilexio de seguir vendo como, tras o éxito da programación cultural levada a cabo no Ano Xacobeo, con máis de 500 artistas chegados dende todos os lugares do mundo que espallaron a música por toda a Comunidade”, rematou a directora de Turismo.
 
Arriba