03 nov 2014

Galicia e Xapón afondan na súa relación turística e cultural relativa ás vías de peregrinación

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, explicou na Illa de Tokushima a transcendencia da Ruta Xacobea para a comunidade galega.

Carmen Pita inaugurou en Wakayama a exposición ‘Peregrinatio. O Camiño’, enmarcada no VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela.

Carmen Pita, na xuntanza da Illa de Shikoku.

A pasada semana Galicia e Xapón diron un paso máis na súa colaboración en materia turística e cultural coa xuntanza que mantiveron na Prefectura de Kagawa, na Illa de Shikoku, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e o responsable do departamento de Asuntos Exteriores do órgano administrativo xaponés, Jun Hajiro, ao obxecto de coñecer o proceso de creación, desenvolvemento e consolidación da promoción do Camiño de Santiago.

Na actualidade, a Illa de Shikoku pretende desenvolver unha ruta de peregrinación que se estende polas catro prefecturas que compoñen este territorio –a propia Kagawa, Tokushima, Ehine e Kochi- e teñen como modelo de éxito o Camiño de Santiago.

Nesta xuntanza, a directora de Promoción de Turismo de Galicia explicoulle ao representante da Prefectura de Kagawa e ao seu equipo de colaboradores o proceso seguido pola Xunta de Galicia e a Administración do Estado para a declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade e como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Desenvolvemento da promoción do Camiño
Ademais, Carmen Pita referiuse á celebración do Xacobeo, como gran evento conmemorativo dos anos santos composteláns e como medio de promoción do Camiño de Santiago e a comunidade galega, tanto no interior de España como no estranxeiro.

A directora de Promoción de Turismo de Galicia explicoulles aos responsables administrativos xaponeses as distintas rutas do Camiño e a protección coa que conta a Ruta xacobea por parte da Xunta de Galicia.

Carmen Pita tamén informou en Kagawa dos incentivos públicos para a promoción do Camiño de Santiago e o Xacobeo.

Exposición ‘Peregrinatio. O Camiño’
Durante a súa estadía en Xapón para a promoción turística de Galicia e o Camiño de Santiago, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, tamén inaugurou a exposición ‘Peregrinatio. O Camiño’, no Aeon Hall da cidade de Wakaya, na Illa de Honshū.

Enmarcada nos actos de celebración, esta exposición audiovisual é froito da recente e intensa viaxe realizada polo fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González, ambos os dous galegos, a través de Italia, Francia, o norte de España e a Galicia xacobea, seguindo a mesma ruta que san Francisco percorreu no ano 1214 desde Asís a Compostela.

Nesta viaxe contemporánea os autores mostráronse atentos á tradición cultural e á sensibilidade relixiosa que impregna os lugares e os camiños a Santiago de Compostela.

Unhas paisaxes culturais e uns espazos sacros intimamente ligados á orixe evanxélica da tradición cristiá, sobre a que se asentan a mentalidade e a historia cultural dos pobos de Europa.

Na súa estrita expresión física, o camiño de peregrinación vertebra territorios máis ou menos distantes, vincula o patrimonio cultural creado ao secular fluxo da peregrinación e proporciona a oportunidade de viaxar no tempo.

 

Arriba