25 mai 2014

Roma acolle a presentación da primeira travesía náutica xacobea entre Xénova e Galicia, que comezará o 15 de xuño

A ruta marítima conmemora o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Conta con dous itinerarios, o atlántico e o mediterráneo, que parte de Xénova e chegará ás Rías Baixas.

A capital de Italia acolleu a presentación da Primeira Travesía Náutica Xacobea, organizada pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, en colaboración con Asnauga –a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia. O acto contou coa presenza do embaixador de España en Italia, Francisco Javier Elorza e mais de Monseñor Rodríguez Carballo, arzobispo de Belcastro e secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica.

No acto de presentación interveu o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, quen explicou que a iniciativa se celebrará nos meses de xuño e xullo e compoñerase de dúas rutas marítimas, a Mediterránea e a Atlántica. Segundo dixo, está prevista a participación dunha trintena de embarcacións, ademais das goletas da organización nas que tamén viaxarán peregrinos.

A travesía Mediterránea comezará o 15 de xuño e percorrerá máis de 1.500 millas náuticas en 14 etapas, nas que recalará en portos de Italia, Francia, España e Portugal. Segundo matizou José Juan Durán, “non esquezamos que os restos do Apóstol Santiago foron trasladados desde Palestina a Compostela por mar, aí deu comezo dalgún xeito a peregrinación. A súa orixe é, polo tanto, náutica”.

A peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago deixou pegada a través do xurdimento da Orde Franciscana. Segundo explicou o presidente de Portos de Galicia, “con esta peregrinación queremos poñer de relevo a sensiblidade franciscana co feito xacobeo, o amor pola natureza e polos valores universais da peregrinación xacobea”.

A ruta que sae de Xénova vai percorrer Toulon, Plama de Malloraca, Cartagena, Roquetas, Marbella, Cádiz e os portos portugueses de Portimao, Sines, Cascais, Figuiera da Foz e Porto ata arribar a Galicia. A Ruta Atlántica ten previsto saír de Ribadeo o 6 de xullo e previamente terá recalado en portos do Reino Unido e Irlanda.

Dado que Galicia lidera o segmento de Q de Calidade Turística en instalacións náutico-deportivas en toda España, este será o criterio de selección das estacións náuticas escollidas para acoller as embarcacións da Peregrinación Náutica.

Ambas rutas confluirán na Ría de Arousa, dende onde os peregrinos percorrerán a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla ata Santiago de Compostela.

A iniciativa contribúe á promoción da cultura, do patrimonio marítimo da comunidade e da protección do medio ambiente apoiando a posta en valor turística dos portos deportivos galegos; así como a difusión internacional da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla e mais de Galicia como destino turístico.

A inscrición na Travesía Náutica Xacobea está aberta, é gratuíta para as embarcacións e poderase obter máis información sobre o evento na páxina web de Asnauga (www.asnauga.com) e mais en http://turismo.xunta.es

Actos do VIII Centenario
A primeira Travesía Náutica Xacobea enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago que se celebran en Galicia dende mediados de 2013 ata mediados de 2015 e que inclúen eventos expositivos, artísticos, divulgativos, congresuais e científicos.

Entre as iniciativas destaca a mostra ‘Peregrino e Novo Apóstol. San Francisco no Camiño de Santiago’ aberta o pasado mes de agosto en Asís e que este verán poderá visitarse en Compostela, no Pazo de Fonseca.

Tamén en Santiago poden visitarse as mostras ‘Il Cammino de Francesco’ e ‘Auga Doce’, no Museo das Peregrinacións e de Santiago e na Cidade da Cultura, respectivamente. Nos vindeiros meses inaugurarase a exposición ‘On The Road’, unha mostra de arte moderna que configura o gran proxecto expositivo do centenario.

Arriba