21 set 2015

Cidades de Galicia, casos históricos

Un dos recursos turísticos máis importantes de Galicia é a riqueza cultural, artística e monumental dos cascos históricos das sete grandes cidades de Galicia: Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo; cada un diferente e todos con encanto. Labores de recuperación fixeron posible a posta en valor turístico das zonas antigas das nosas cidades, nas que se mesturan todos os estilos arquitectónicos e nas que un dos seus principais atractivos son os seus propios habitantes.

Muralla romana de Lugo.

A CORUÑA

A Coruña, con 250.000 habitantes é a segunda cidade máis poboada de Galicia. Coñecida xa polos romanos como Brigantia, nela erixiron o faro símbolo da urbe: a Torre de Hércules, o faro en funcionamento máis antigo do mundo.

Un percorrido por pola zona antiga da cidade pode partir da praza do Obelisco, no centro, onde se pode observar a buliciosa vida herculina a pasear polas rúas Real e Rego de Auga, as máis tradicionais vinculadas ao comercio, que desembocan na maxestosa praza de María Pita, na que se pode contemplar a fermosa Casa Consistorial de estilo modernista.

Dende esta praza un pódese somerxer na cidade vella, para empaparse da máis singular historia coruñesa, pois a orixe desta urbe está precisamente nesta zona. Aquí pódese visitar a igrexa de Santiago, románica do século XII, aínda que conta con elementos oxivais dos séculos XIV e XV; a evocadora praza de Azcárraga; a colexiata de Santa María, construída entre os séculos XII e XV, moi próxima ao museo de Arte Sacra; ou a praza e convento de Santa Bárbara, que forma un conxunto de singular beleza.

Antes de abandonar a cidade vella, o viaxeiro debe aproximarse ao xardín de San Carlos, ao lado do Museo militar e da Fundación Luís Seoane, parque romántico moi agradable situado nun antigo bastión de defensa que alberga a tumba do xeneral Moore, morto na batalla de Elviña durante a invasión francesa. A visita complétase co paseo pola avenida da Mariña e os seus característicos edificios de galerías.

 

 

FERROL

Ferrol constitúe unha oportunidade perfecta para coñecer unha cidade do século XVIII diferente ao resto das cidades galegas. É unha cidade pescadora e industrial, berce de importantes mariños e militares. O mar é a alma da cidade que vive en simbiose con ela. Naceu como vila pesqueira e co transcurso do tempo converteuse en cidade cun gran potencial naval e militar, todo grazas ao seu porto natural, un dos máis protexidos e belos do mundo. Lugar ideal para o refuxio das enfurecidas augas do Atlántico, accédese a el entre a vixilancia dos castelos de San Felipe e A Palma.

Dende o porto, moi preto do peirao de Cruxeiras, trazado a mediados do século XVIII, no que se poden apreciar as características de enxeñaría militar da época, accédese ás rúas Espírito Santo e á Praza Vella, nas que hai que destacar as vivendas tradicionais, onde sobresaen as galerías, tan tradicionais nas urbes galegas.


En Ferrol hai que visitar o Arsenal, impresionante complexo militar construído cara a 1750, que lle dará unha idea ao viaxeiro da grande importancia que tivo a Armada na construción da cidade.

Unha das principais xoias urbanas da cidade de Ferrol é o barrio da Madalena, erixido segundo os planos aprobados por Carlos III en 1761, cunha morfoloxía totalmente cuadrangular, só interrompida polas prazas de Amboaxe e Armas.


SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago de Compostela é o escaparate de Galicia. Capital da comunidade autónoma, cidade que sabe xuntar tradición e modernidade. A tradición faise patente, tanto no seu legado cultural, como o de poucas urbes españolas e que lle valeu a declaración de Patrimonio da Humanidade en 1985 pola UNESCO, como tamén na súa vinculación co medio rural circundante, e pode definirse aínda hoxe como a máis rural de todas as cidades galegas.

No zona vella de Santiago destaca a praza do Obradoiro, rodeada de edificios cargados de arte e historia, como a catedral, o Hostal dos Reis Católicos, a sede do reitorado da Universidade de Santiago e a Casa Consistorial.

De estrutura medieval con incorporacións de épocas posteriores, a zona antiga de Santiago constitúe unha armazón de rúas, canellas e prazas, marcadas de monumentos e cuxa visita resulta moi interesante.

Destacan as prazas da Quintana, O Toural, Acibechería, Cervantes e entre outras, as rúas Villar, Rúa Nova, Preguntoiro, Xelmirez...


LUGO

A herdanza romana desta cidade faise patente dende calquera perspectiva que se mire. A presenza da súa muralla, a única romana completa que se conserva, e Patrimonio de Humandidade, marcou a evolución histórica da cidade e segue sendo o eixe sobre o que xira a vida en Lugo.

O río Miño está vinculado ao nacemento da cidade e constitúe unha peza fundamental na vida dos lucenses como lugar de paseo e ocio.

É unha cidade bimilenaria fundada como campamento romano no ano 14 a. C. Trátase do asentamento urbano máis antigo de Galicia, pois actuaba na época do Imperio como cabeza dun convento xurídico romano, un dos tres que conformaban a provincia de Gallaecia.

O casco histórico de Lugo está encerrado no perímetro da muralla, de 2.140 metros, e na súa zona monumental destaca a Catedral, o Pazo Episcopal, a Praza do Campo e distintas igrexas. En Lugo hai que visitar as súas termas romanas, a casa dos mosaicos e a súa ponte romana, levantada no século I antes de C.


OURENSE

Ourense naceu como cidade de ouro e auga. Así a chamaron os romanos, fundadores do primitivo asentamento ao que cualificaron como Aquae Aurente, do que deriva o topónimo actual. Pero tamén é lugar de encrucillada de camiños, no que o río Miño define a estampa paisaxística dunha cidade que se atopa entre a Galicia costeira e a España interior e que sempre buscou proxectarse ao exterior.

O zona vella de Ourense é un dos máis amplos das cidades de Galicia e recentemente beneficiouse dun amplo programa de rehabilitación de espazos e edificios.

A vida desta cidade desenvólvese na súa parte antiga e monumental, sen apenas transición coas zonas máis modernas da cidade. Quizais sexa a zona vella máis buliciosa de Galicia, no que se atopan xoias como as fontes termais das Burgas, a catedral, as prazas Maior, do Trigo, a alameda do Concello e do Ferro; e os xardíns do Posío.

PONTEVEDRA

Pontevedra é a cidade que abre o interior da súa provincia ao mar. É cruzamento de camiños nun lugar privilexiado e estratéxico. No último meandro do río Lérez antes de abrirse á ría. Esta localización deu lugar á súa orixe, romano, ao pé dunha ponte que cruzaba unha calzada que comunicaba Braga, Lugo e Pontevedra. A tradición mítica, en cambio, di que foi fundada polo heroe grego Teucro, participante na Guerra de Troia.

A zona vella da cidade de Pontevedra está considerado como o segundo máis interesante de Galicia, despois de Santiago de Compostela.

Integrado totalmente na cidade, e obxecto dun amplo programa de rehabilitación e humanización, é practicamente peonil en toda a súa extensión.

A zona histórica de Pontevedra atesoura monumentos nacionais como a Basílica de Santa María a Maior ou edificios relixiosos como a capela das Aparicións, o convento de Santa Clara, a igrexa da Peregrina, as ruínas de Santo Domingo e a igrexa de San Francisco.

A zona histórica de Pontevedra constitúe o mellor exemplo para comprender a estrutura urbana tradicional de Galicia, a cal se pode apreciar nas súas rúas e prazas como a Ferrería, Teucro, a Leña, a Verdura, Mugartegui ou Méndez Núñez.


VIGO

Vigo é unha cidade vinculada ao mar. O mar marcou a súa aparición, a súa historia e a súa economía. É unha urbe cosmopolita como poucas, a máis populosa de Galicia. De espírito emprendedor, cunha gran vida social, na que xorden a miúdo tendencias de renovación cultural e social que se estenden logo ao conxunto galego.

A existencia de Vigo como cidade é recente, pois mesmo ben entrado o século XIX era un máis dos moitos portos de mar que se asentaban nas rías, pero a súa orixe remóntase á noite dos tempos, pois o municipio conta nos seus límites montañosos con máis dunha vintena de monumentos megalíticos.

O seu casco histórico é pequeno, pero moi atractivo, e atópase en proceso de rehabilitación. Destaca o barrio del Berbés, un conxunto graduado de antigas casas de pescadores e artesáns, e canellas que descende dende o centro da urbe cara ao mar. Neste ámbito, destaca o mercado da Pedra.

No seu ámbito urbano, Vigo conserva importantes lugares históricos de gran beleza como os montes do Castro e A Guía, auténticos miradoiros sobre a cidade.


OUTROS ÁMBITOS

Fóra das cidades, Galicia conserva atractivas zonas históricas nas súas vilas dos que son bos exemplos, Allariz, Baiona, Betanzos, Cambados, Cangas, Castro Caldelas, Celanova, Combarro-Poio, Corcubión, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Muros, Noia, Ortigueira, Padrón, Pazos de Arenteiro-Boborás, A Pobra de Trives, A Pobra do Caramiñal, Pontedeume, Portomarín, Ribadavia, Ribadeo, Sarria, Tui, Vilagarcía de Arousa, Vilalba e Viveiro.

 

Arriba