No marco do novo Plan de Hostalería Segura, a Xunta pon en marcha un plan de formación en materia de protocolos hixiénico-sanitarios con accións formativas previstas que se coordinarán en colaboración co sector, a través do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), a Dirección Xeral de Saúde Pública e as asociacións provinciais de hostalaría.

É de obrigado cumprimento que todo o persoal traballador dos establecementos de hostalería e restauración dispoñan de formación básica ou avanzada, segundo o nivel de compromiso do establecemento.

A realización da formación a través desta plataforma é de carácter gratuíto e voluntario. Preténdese facilitar o acceso do sector do Turismo de Galicia a formación en materia de seguridade e prevención fronte á COVID-19 para facer de Galicia un destino seguro.

Os contidos de cada curso acompañaranse de material didáctico que debe incluir: 

- Manual cos contidos teóricos.

- Outra información de interese: Enlaces a vídeos formativos e bibliografía.

Para a superación de cada curso realizarase unha proba teórica formada como mínimo por 20 preguntas, debendo contestar correctamente un 80% para aprobala.
 
Tras a superación de cada curso, porase a disposición do alumnado un certificado que amosará o programa da formación.
 
Nesta páxina atoparanse as dúas opcións para acceder aos contidos da formación básica e da formación avanzada. Os contidos poderán visualizarse cantas veces estimen conveniente.
 
Tras a visualización dos contidos, o alumnado deberá rexistrarse para solicitar o acceso á proba que corresponda. A cada alumno que o solicite, enviaráselle por correo electrónico o enlace para realizar a proba. Se a proba é superada poderá descargar o certificado dende a plataforma de formación onde realizou a proba.
 
Nota: 
 
A inscrición para facer a proba é persoal. Non se pode realizar a proba en nome da empresa á que pertence. Cada traballador debe inscribirse e realizar a proba individualmente.

Fórmate antes de examinarte para obter o teu certificado

Arriba
Axúdanos a mellorar!