30 set 2016
  • Lugares

O primeiro Fam Trip de turismo ornitolóxico de Galicia

Entre os días de 16 e 20 setembro desenvolveuse o primeiro Press Trip ou Fam Trip de Galicia adicado especificamente á observación de aves, ao birding.

Neses 6 días visitamos varios espazos de interese ornitolóxico en Galicia e vimos máis dun cento de especies diferentes.

O primeiro Fam Trip de turismo ornitolóxico de Galicia

O día 16 achegámonos á Terra Chá. Sempre paga a pena dar unha volta polas praderías e lagoas chariregas. Neste caso puidemos gozar da presenza dun par de ducias de lagarteiros das torres

A Terra Chá

O día seguinte fomos directamente ao intermareal Umia - O Grove, unha das mellores zonas húmidas de todo o norte da península Ibérica. E difícil destacar unha soa especie no conxunto de todas as que se puidemos observar. O cullereiro sempre chama a atención pero tamén o fan os centos de limícolas que había pola zona.

Intermareal Umia-O Grove

No noso terceiro día de viaxe tivemos unha excursión moi particular a bordo do Chasula para observar aves peláxicas. Trátase dun dos produtos de turismo ornitolóxico máis aquelado de Galicia. Desafortunadamente o estado da mar non era moi favorable. Aínda así vimos especies interesantes como a pardela cincenta e o furabuchos das baleares, ducias de mascatos e gaivotas de diferentes especies. E por suposto vivimos o divertido e relaxado ambiente do Chasula. 

O Chasula

A volta aínda fixemos un alto na Illa de Sálvora do PNMT das Illas Atlánticas de Galicia. Unha pequena excursión permitiunos observar pequenas aves migratorias en paso como o papamoscas negro. E máis tarde navegamos entre as bateas da ría de Arousa na que descansan moitas aves. Destacamos, polo seu nivel de ameaza, o corvo mariño cristado.

Illa de Sálvora, no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Na cuarta xornada puxemos rumbo a zonas húmidas do norte. A primeira parada fixémola na ría do Burgo, unha das mellores áreas urbanas en Galicia para a observación de aves. Non podía ser menos, pois no intrépido grupo de birders contabamos co afamado David Lindo AKA The Urban Birder. Impresionante o número de especies que poden ser observadas mentres os veciños pasean ou fan deporte ao teu carón.

Ría do Burgo

Máis tarde chegamos á ría de Ortigueira onde nos agardaban centos de limícolas, cullereiros e gaivotas. O atardecer vímolo xa dende a ría de Ladrido. 

Ría de Ortigueira

O último día reservámolo para o mellor punto de observación de aves mariñas en migración de toda Europa: o Cabo de Estaca de Bares. Dependendo da dirección dos ventos o paso migratorio pode ser máis ou menos espectacular. Non nos cadrou o mellor vento pero aínda así, pardelas, págalos, carráns, mascatos e outras aves cruzaban fronte a nos para encarar o Atlántico onde pasarán todo o inverno.

Estaca de Bares

Agradecémoslle a David Lindo, Gorka Gorospe, Fernando Pereiras de la Cal, Xoán Diéguez “Kobalto” e a persoal da Axencia Turismo de Galicia que nos acompañaran nesta viaxe por algúns dos mellores lugares de Galicia para observar aves. Agardamos repetir a experiencia! 
 

O primeiro Fam Trip de turismo ornitolóxico de Galicia
Arriba