04 abr 2017
  • Aves

Cambio de estación

Estamos nun momento de cambio de estación en canto ás poboacións de aves. A primavera está a chegar e con ela multitude de novas especies.

Días máis longos, aumento progresivo das temperaturas, a chuvia e, por suposto, as súas aves marcan a primavera en Galicia.

Millafre negro | Milvus migrans

Entre marzo e abril chegan especies tan familiares como as andoriñas e os seus parientes as andoriñas de cu branco, acompañadas das menos coñecidas andoriñas dáuricas

Cirrio (común) | Apus apus

Tamén chegan as picas das árbores, os millafres negros e as águias calzadas. Espazos de interior cun número relativamente reducido de especies énchense de novas especies e con elas dos seus cantos. 

Andoriña (común) | Hirundo rustica

En  poucos días chegará o coñecido cuco, os rousinoles, os cirrios comúns, os coloridos abellarucos e as escasas tartarañas cincentas

Aguia calzada | Hieraaetus pennatus

Outras especies, como os picanzos vermellos ou os miñatos abelleiros tardarán aínda un mes en instalarse para criar entre nós.

Abellaruco (común) | Merops apiaster

Pero iso non é todo. Entre marzo e abril aínda están a partir algunhas especies invernantes en Galicia mentres que podemos avistar moitas outras que están en paso migratorio cara ao norte como os mascatos comúns no litoral ou a cerceta albela nas zonas húmidas.

Miñato abelleiro (común) | Pernis apivorus

Saír a observar aves  nestas datas é apaixonante, non o perdas.

Cerceta albela | Spatula querquedula
Arriba