Bono IacobusNa súa orixe, a Vía da Prata xa foi empregada en época romana para comunicar o sur co noroeste da Península. Algunhas explicacións consideran que o termo “Vía da Prata”, deriva do sentido etimolóxico orixinal árabe Bal’latta, co que os musulmáns nomearon aquela ancha vía pública empedrada que se encamiñaba cara o norte cristián. Outras asóciano ao emprego desta vía polo comercio da prata americana chegada aos peiraos de Sevilla. Foi mesmamente a ruta de expansión do reino medieval de Galicia-León cara ao sur.

A Vía da Prata, tamén coñecida como Camiño do Sueste, ten a súa orixe en Andalucía e Estremadura. Existen diversas alternativas desta vía en terras galegas, propoñendo o Bono Iacobus a que enlaza Verín con Santiago de Compostela. O viaxeiro poderá gozar no seu percorrer por Galicia dunha enfeitizadora paisaxe natural, ateigada de pontes medievais, igrexas ancestrais e pazos.

Día 1

Verín - Inicio

O Retiro do Conde
Monterrei / Inicio

Retiro do Conde Baixo a impetuosa mirada da fortaleza medieval de Monterrei, aparece o lugar de Vilaza, onde atopamos este fermoso pazo restaurado do século XVII, que conserva o sabor do antigo, sen renunciar ás máis actuais comodidades que esixe o turismo de alta calidade.

Día 2

Verín / Xinzo de Limia - Etapa 1 (34.7 km)

O camiñante chega a Verín, encrucillada de camiños xacobeos e lugar de paso tamén para os viaxeiros que veñen dende Portugal. Nesta vila poderá admirar algúns dos pazos urbanos de maior interese, como A Casa do Asistente, actualmente aloxamento de peregrinos. A ruta parte do lugar de Albarellos, no concello de Monterrei, preto do seu castelo medieval. Transcorre por Guimarei, Rebordondo e Pena Verde. Continúa por Viladerrei e Zos, para chegar finalmente a Xinzo de Limia, derradeira vila deste treito e onde o camiñante poderá visitar a súa igrexa románica, Santa Mariña de Xinzo.

Perfil

Rectoral de Candás
Rairiz de Veiga / Etapa 1

Rectoral de Candas Antiga casa reitoral do século XVIII, onde o tempo transcorre sosegadamente, rodeada de prados, labradíos e bosques centenarios de castiñeiros, carballos, bidueiras e ameneiros.

Día 3

Xinzo de Limia / Augas Santas - Etapa 2 (27.6 km)

Dende Xinzo de Limia a vía transcorre por Vilariño das Poldras, Couso da Limia, Vilar de Sandiás e Piñeira de Arcos. Adentrándose xa no concello de Allariz, tras pasar por Coedo, chegarase a O San Salvador dos Penedos que conserva na súa igrexa unha interesante talla románica dun Cristo crucificado. Deixando atrás O San Salvador, o camiñante chega a Allariz, vila onde destacan os seus templos románicos e o convento de Santa Clara co seu museo. A ruta remata en Santa Mariña de Augas Santas, destino desta segunda etapa.

Perfil

Casa das Augas Santas
Allariz / Etapa 2

Casa das Augas Santas Situada no conxunto histórico de Santa Mariña de Augas Santas, atopamos esta fermosa casa de labranza na que poder disfrutar do silencio e da maxia que rodea a todo o conxunto etnográfico: castros, petroglifos, restos romanos...

 

Día 4

Augas Santas / San Paio de Bóveda - Etapa 3 (24,5 km)

Ao abandonar Santa Mariña de Augas Santas, a seguinte localidade á que chegará o camiñante é Armeá, onde se pode visitar a enigmática construción templaria tradicionalmente denominada “Forno da Santa”, para continuar camiño cara As Pereiras, Ponte Noalla, e San Breixo de Seixalbo, onde poderá admirar o seu cruceiro, a capela medieval e a igrexa barroca. Cando o camiñante se poña en marcha novamente, continuará a súa ruta ata Ourense, capital provincial na que resulta imprescindible facer unha incursión na súa catedral románica e achegarse ata a fonte de augas termais das Burgas. Saíndo de Ourense, ao camiñante só lle restará atravesar Cudeiro e Sartédigos para chegar ao final desta etapa, San Paio de Bóveda.

Perfil

Casarellos
Coles / Etapa 3

CasarellosO conxunto de construcións en pedra de arquitectura tradicional recrea o máis suxerente ambiente da sociedade rural galega (casa principal, casas secundarias, forno e hórreo con máis de 100 anos de antigüidade).

Día 5

San Paio de Bóveda / Carballeda - Etapa 4 (20.6 km)

A seguinte etapa iníciase en San Paio de Bóveda e continúa por Tamallancos e Sobreira. Neste lugar o camiñante, desviándose da ruta, poderá visitar a fortaleza de Vilamarín. Retomando o camiño, pasará por Faramontaos, Biduedo e As Casas Novas para chegar poco despois a San Cristovo de Cea, moi coñecido polo seu pan. Moi preto, poderá visitar a igrexa románica de San Facundo do século XIII e continuando deixará atrás Cotelas, acadando finalmente o derradeiro destino desta etapa, Carballeda.

Perfil

Casarellos
Piñor / Etapa 4

Casarellos O conxunto de construcións en pedra de arquitectura tradicional recrea o máis suxerente ambiente da sociedade rural galega (casa principal, casas secundarias, forno e hórreo con máis de 100 anos de antigüidade).

Día 6

Carballeda / Bendoiro - Etapa 5 (26,5 km)

Partindo de Carballeda, o camiñante poderá desviarse para achegarse ata o mosteiro de Oseira, que mestura na súa arquitectura os estilos románico, barroco e renacentista. Dende o mosteiro, o viaxeiro retorna ao camiño cara a Castro de Dozón onde poderá admirar, moi preto, no lugar de Mosteiro, a igrexa de San Pedro de Vilanova de Dozón, do século XII. Retomando a ruta, ao chegar ao Alto de San Domingos, poderá facer outra parada na súa igrexa. Proseguindo o camiño pasará por A Xesta, Botos, Donsión e, finalmente, Bendoiro, remate desta etapa.

Perfil

Casa Goris
Vila de Cruces / Etapa 5

Casa Gorís Despois de 200 anos, aínda conserva madeiras de carballo e castiñeiro orixinais, a lareira propia dun pazo, paredes con máis dun metro de grosor que ocultan escaleiras secretas…

Día 7

Bendoiro / Dornelas - Etapa 6 (20.1 Km)

Abandonando Bendoiro, o viaxeiro segue a súa ruta nun treito do camiño rico en paisaxes naturais e arquitectura, xa que dende Silleda atopará un desvío para achegarse ata o mosteiro de Carboeiro ou á espectacular fervenza do río Toxa. Volvendo á ruta natural desta vía, o camiñante proseguirá ata Negreiros, Chapa e a súa igrexa de San Cibrao, Bandeira e finalmente, chegará a Dornelas, remate deste treito da viaxe.

Perfil

A Casa da Botica
A Estrada / Etapa 6

Casa da Botica Recibe este nome a principios do século pasado cando se establece nela unha das primeiras boticas da zona. Restaurada no ano 2004, segue conservando o patio amurallado, o hórreo e plantas centenarias. Poderá pasear por extensos e fermosos xardíns, descansar ao carón da gran lareira e gozar da excelente cociña galega.

 

Día 8

Dornelas / Santiago - Etapa 7 (30.2 Km)

Partindo de Dornelas, o viaxeiro diríxese a Santa María de Loimil, atravesa Ponte Ulla e entra na provincia de A Coruña. O camiñante segue por Francés e en Lestedo, no concello de Boqueixón, contemplará o Pico Sacro para a continuación chegar a Santiago. Entrará á beira da Colexiata de Sar e continuará pola Porta de Mazarelos, Caldeirería e Costa de Xelmírez, para rematar este itinerario do Bono Iacobus na Praza das Praterías e acadar, por fin, a Catedral de Santiago de Compostela.

Perfil

Prezo

A ruta consta de 184 quilómetros que co Bono Iacobus se realiza en 8 días/7 etapas. Ao final de cada etapa, o viaxeiro é recollido a pé de camiño e conducido en automóbil a un próximo aloxamento rural, no que fará noite tras unha merecida cea caseira elaborada con produtos da zona.

Pola mañá, tras un completo almorzo, achegarase ao camiñante de novo en coche ao inicio da súa seguinte etapa.

Servizos opcionais:

  • Pícnic para a etapa de cada día.
  • Traslado da equipaxe en taxi.

Prezo con cea e almorzo incluídos:

  • 1 Persoa (cuarto individual) 630 € (IVE incluído)
  • 2 Persoas (cuarto dobre) 940 € (IVE incluído)

O Bono Iacobus pode ser contratado durante todo o ano, exceptuando o mes de agosto e a Semana Santa, de forma individual, en parella ou en grupos.
Para obter toda a información adicional que necesites sobre o Bono Iacobus podes chamar ao teléfono 902 190 160 / +34 981 568 521 (*) ou enviar un correo electrónico a info@galiciaincoming.com

(*) A comercialización realízase a través de axencias de viaxes legalmente autorizadas.

Como chegar a Verín

  • Opción A: Traslado Santiago – Verín en autobús con frecuencia de luns a venres en horario único e unha duración aproximada de tres horas. Horario de saída: De luns a venres: 16:00 h.
  • Opción B: Traslado Santiago – Ourense e Ourense - Verín en autobús con frecuencia diaria e diferentes horarios.
    • Compañía de autobuses: MONBUS – Tel.: +34 902 292 900 -Web: www.monbus.es
    • Estación de autobuses de Santiago: C/ San Caetano, s/n – Tel: +34 981 542 416 - Web: www.tussa.org

A información sobre días operativos, horarios e duración dos traxectos é ORIENTATIVA e debe ser reconfirmada coa compañía prestataria do servizo.

Arriba
Axúdanos a mellorar!