O Camiño Francés é a ruta máis coñecida de entre as distintas vías históricas que chegan a Santiago de Compostela (Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño do Norte, Camiño Primitivo, Vía da Prata…). Foi recoñecido polo Consello de Europa, en 1987, como o I Itinerario Cultural Europeo e distinguido pola UNESCO, en 1993, como Patrimonio Cultural da Humanidade. No ano 2004 outorgóuselle o premio Príncipe de Asturias da Concordia.
Ten a súa orixe en territorio francés —de aí a súa denominación— e entra en Galicia por unha verea ascendente que alcanza a súa máxima altura nos altos do Cebreiro. En todo o percorrido galego o camiñante poderá gozar da hospitalidade da xente, dunha rica e variada gastronomía, dun importante patrimonio artístico e, en xeral, de todo un país acolledor disposto a recibir ao viaxeiro.