Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

VALES, RÍOS E MONTAÑAS

De Chantada aos Peares...A Ribeira Sacra do Miño
O Sil leva a auga,
o Miño leva a fama.
Dito popular

A Ribeira Sacra do Miño é unha das grandes zona vitivinícolas de Galicia. A paisaxe de viñedo combinada coa frondosa vexetación e a presenza dun rico legado románico crean un conxunto reloucante. Partindo de Chantada pódese gozar dun itinerario que percorre as marxes do río, cun sorprendente final nos Peares onde o Sil e o Miño deciden xuntarse.

Descarga a ruta
Chantada

Chantada é unha das capitais galegas do viño, ao abeiro de sobranceiros ríos como o Miño ou o Asma que outorgan unhas magníficas condicións para acadar caldos de calidade.

A vila conserva fermosas rúas e acolledoras prazas no seu casco histórico, con edificios destacables como a Casona dos Lemos, do século XVI (actual Casa da Cultura).

De Chantada ao ponte de San Fiz
Fervenza

Desde as ribeiras do río Asma iniciaremos o percorrido. Os primeiros quilómetros transitan por estradas principais, en paralelo ao curso do río, que discorre nervioso ao encontro co Miño. Unha longa baixada leva á zona de viñedos, abríndose de súpeto as vistas cara a unha impresionante ladeira de bancales.

Un desvío conduce ao ponte de San Fiz volteando as terrazas entre vides e pequenas adegas de coidada forma que auxilian o labor dos colleiteiros.

Da ponte de San Fiz a Belesar

Camiño de Belesar o itinerario case aloumiña as augas do Miño, no punto onde se funde co Asma. As ladeiras diferéncianse entre solaina e avesedo; o viño precisa o sol e as plantacións de viñedo oriéntanse ao sur. En fronte unha salientable masa de caducifolias amplía a gama cromática da escena.

Belesar, aldea tradicional, recibe ao viaxeiro coas súas instalacións náuticas. O contraste débese a que o afastado encoro dos Peares embalsa as augas até este punto, permitindo a navegación. Interesante parada, Belesar ocupa ambas ribeiras e pertence a dous concellos: Chantada e O Saviñao.

De Belesar á igrexa de Santa María de Nogueira de Miño
Igrexa

Até a ponte de Pincelo proseguen os viñedos e carballeiras. Tras cruzala, unha estreita pista en subida leva á estrada principal. A paisaxe muda por momentos, aparecen os primeiros piñeirais do percorrido pero mantéñense os bosques mixtos. Entre algún castiñeiro divísase, fondo, o curso do Miño.

O campanario da igrexa de Santa María de Nogueira de Miño divísase entre os verdes tons da vexetación, aliñándose erguido cun clásico ciprés. A aldea, enfeitizadora, remite a paisaxes de viñedo doutras latitudes. Un tránsito súbito do bosque atlántico ao viñedo de texturas case mediterráneas. No verán, o sol e  a calor reforzan esa sensación.

Da igrexa de Santa María de Nogueira de Miño aos Peares

Dende aquí as vistas ao río serán constantes. A elevada cota da estrada actúa a modo de miradoiro continuo cando a frondosa vexetación o permite. O plácido tránsito supera aldeas de interese con relevantes igrexas como a de Santo Estevo de Chouzán ou a igrexa vella de San Xoán da Cova.

Os Peares é un lugar difícil de desentrañar; tres ríos e seis pontes situados en catro concellos de dúas provincias. Un antigo núcleo que se adapta ás esgrevias ladeiras dos ríos Miño, Sil e Búbal e se reparte entre os municipios de Nogueira de Ramuín e A Peroxa (provincia de Ourense) e Carballedo e Pantón (provincia de Lugo). O famoso encontro entre o Miño e o Sil permite comprobar cal leva auga, dado que a fama é cousa de ambos.

Non te podes perder

Belesar

Paso histórico sobre o río Miño, a aldea de Belesar constitúe un gran exemplo de aldea tradicional da Ribeira Sacra. A súa trama e arquitectura, coas casas amoreadas, intégrase perfectamente na paisaxe de viñedo.

Os Cóbados de Belesar amosan a relevancia viaria deste enclave. Os restos da antiga calzada romana sortean o desnivel con reviradas curvas que reciben esa descritiva denominación. O xacobeo Camiño de Inverno, alternativa ao Camiño Primitivo nas épocas de nevaradas, transita tamén por este punto.

A ponte non foi construída até o ano 1830, sobre unha vella base medieval que fora derrubada por unha enchente no 1780. Até ese momento utilizábanse barcas, ao igual que noutros puntos do río que non dispuñan de paso, co que se foi constituíndo unha tipoloxía propia de embarcación coñecida como barcas do Miño, caracterizadas polo seu fondo plano e por ser propulsadas por remo e vara.

A paisaxe, o río, o viño de calidade… a confluencia de factores converten a Belesar nun punto de encontro obrigado nos percorridos pola Ribeira Sacra lucense.

Arriba
Axúdanos a mellorar!