Galicia Sabe é a estratexia que marcará a nova folla de ruta que axudará a definir prioridades e a planificar a actividade no turismo enogastronómico dos próximos 4 anos a través dun programa de actuación con 5 liñas estratéxicas elaborado a partir de 10 retos cos que se pretende:
- Impulsar o recoñecemento da enogastronomía como un elemento clave da identidade cultural de Galicia.
- Promover unha proposta de turismo enogastronómico sustentable baseada en produtos locais de proximidade e de tempada, no valor das persoas e na paisaxe.
- Implicar a todos os axentes que participan na cadea de valor da enogastronomía nos diferentes territorios de Galicia e recoñecer e premiar as boas prácticas.
- Articular un conxunto de programas orientados á mellora da competitividade, a innovación e a creación de produtos de turismo enogastronómico.
- Aumentar a rendibilidade do turismo enogastronómico de Galicia e reequilibrar o desenvolvemento territorial aproveitando os recursos da produción alimentaria do interior da comunidade autónoma.
- Construír o relato da enogastronomía de Galicia e renovar as estratexias de marketing e comunicación.
- Posicionar a Galicia como destino enogastronómico de referencia nos mercados nacionais e internacionais.
- Dar a coñecer entre o público galego a calidade e variedade do turismo enogastronómico de Galicia.
- Propoñer un modelo de gobernanza e aliñar os obxectivos estratéxicos dos diferentes axentes que participan na cadea de valor da enogastronomía de Galicia.
- Desenvolver e dinamizar territorios vitivinícolas.
Un dos eixos desta Estratexia pasa pola la formación e o I+D+I incluíndo entre as súas liñas de acción o proxecto de renovación do Centro Superior de Hostelería de Galicia para convertelo nun polo de innovación tecnolóxica coa creación do novo grao de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira en colaboración coa USC e a creación dun viveiro de empresas nas instalacións do centro para dinamizar a actividade emprendendora neste sector.
No marco de Galicia Sabe, a Xunta tamén promoverá a renovación e mellora das festas enogastronómicas galegas. Neste ámbito trabállase coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na elaboración dunha ordenanza tipo que permita armoniazar os criterios organizativos e estéticos destas festas.