A Baixa Limia, en xeral, e o Parque Natural Serra do Xurés, en particular, constitúen unha das maiores reservas naturais e unha das zonas máis apaixonantes da Galicia interior. As ladeiras e os vales da zona acollen manchas de grande extensión de bosques autóctonos. Están inventariadas 151 especies de vertebrados, entre as que sobresaen o lobo, a lontra, o corzo e o gato montés.

Un dos grandes atractivos da Baixa Limia é a súa variedade e intensidade paisaxística, conxunto natural no que o home apenas deixou pegada e que permite descubrir a natureza no seu estado máis puro. 

Estamos, sen dúbida, ante unha das zonas de Galicia con maior interese natural, paisaxístico, etnográfico e arqueolóxico.

Falamos dunha serra moi abrupta, senlleira pola súa morfoloxía, podendo gozar constantemente de grandiosas panorámicas, con altitudes superiores ós 1.500 metros, que condicionan unha flora e unha fauna singulares.

O segundo gran atractivo atopámolo na auga. Por un lado, comezando polo río Limia, omnipresente, e seguindo polos numerosos regatos orixinados polas neves invernais e as chuvias, que forman no Parque Natural constantes caídas de auga dunha gran beleza plástica. Por outro, A Baixa Limia alberga tres presas no seu interior: Salas, As Conchas e Lindoso. Nelas, a auga embalsada proporciona o viaxeiro o marco axeitado para a práctica de distintas actividades náuticas, combinando o ocio co deporte.

Percorrido

Propoñemos unha ruta de dificultade baixa, co apoio dun vehículo, realizando pequenos percorridos a pé, apta para todos os públicos e ideal para realizar en familia. A duración estimada é de tres días. A distribución de tempos debe ser tomada a modo de exemplo, xa que cada un pode variala en función das súas preferencias.

Accesos á zona (por Bande)...

  • Desvío en Xinzo de Limia na A-52, para enlazar coa OU-540, Ourense-Portugal, en Bande.
  • Desde Ourense pola OU-540 en dirección a Celanova e Bande, onde iniciamos a ruta turística pola zona da Baixa Limia. A finais do ano 2012 vai ser inaugurada unha nova autovía que parte desde a A-52 nas proximidades de Ourense e remata despois de deixar Celanova.
  • Desde Portugal accedemos a través das fronteiras de Portela do Home ou pola da Madalena.

Día 1º

O primeiro día da nosa proposta comeza na localidade de Bande, cabeceira dun pequeno municipio no que se celebra todos os anos a "Festa do Peixe", un sinal inequívoco da riqueza dos ríos do contorno. Neste lugar, coñecido tamén polas súas celebracións no Entroido, coa máscara do "troteiro" como personaxe principal, podemos visitar a monumental igrexa de San Pedro e a casa reitoral.

A continuación a ruta parte pola OU-540 en dirección a Lobios para, a escasos quilómetros, atopar o xacemento romano Aquis Querquennis e o seu centro de interpretación. Nas proximidades, na aldea de Baños, preparáronse unhas piscinas termais á beira do encoro das Conchas para gozo dos veciños e dos visitantes.

Retomando de novo o camiño pola OU-540, a 10 km de Bande, atopamos un desvío á dereita que nos conduce á igrexa visigótica de Santa Comba de Bande. A ruta achéganos primeiro á igrexa parroquial e, a poucos metros, atopamos os muros que albergan este importante monumento da Baixa Limia.

Continuando pola OU-540 en dirección á Feira Vella, no lugar de Asperelo, aparece no camiño un singular forno co teito de pedra, exemplar único na zona. Despois, desviámonos cara á Terrachá, capital do concello de Entrimo, para visitar a igrexa de Santa María A Real.

Tras a visita, desde o centro da Terrachá, seguimos a ruta cara á aldea de Queguas. Á dereita atopámonos coa Área Recreativa do Pedreiriño, con fermosas vistas sobre o val. Á súa esquerda, levántase unha estatua a San Rosendo, nobre galego fundador do mosteiro de Celanova. Se continuamos o itinerario encontraremos, á esquerda da estrada, unha pequena capela na honra ao Santo Cristo.

Xa en Queguas podemos visitar a pé a ermida da Ascensión, as pallozas coñecidas como Cortes da Carballeira e o dolmen da Casa da Moura. No mesmo centro desta localidade enlazamos coa ruta de sendeirismo que parte da Terrachá. Seguimos unha ruta a pé, ao redor de catro quilómetros, e unha duración aproximada de dúas horas. É interesante a primeira parte do camiño, que nos levará a metade do tempo, e que nos permite visitar a ermida.

Día 2º

A nosa proposta para o segundo día parte do lugar da Feira Vella en dirección a Lobios. A case dous quilómetros collemos unha desviación á dereita con dirección a Lobios/Portugal. Despois de cruzar a ponte sobre o río Limia, continuamos cara á dereita en dirección á Madalena (Portugal) pola estrada OU-540, ata un desvío á esquerda que indica "Cemiterio de San Salvador de Manín". A subida lévanos ao lugar de Compostela, onde se atopa a igrexa de San Salvador de Manín coñecida como a igrexa de Aceredo que foi totalmente desmontada para o seu traslado en dúas ocasións.

Despois de Compostela volvemos a Lobios, ben pola estrada OU-540, ou dirixíndonos cara a Manín e desde aí ata Lobios. Realizando o último percorrido podemos ver unhas fermosas panorámicas sobre o encoro de Lindoso.

Ao chegar a Lobios podemos visitar a igrexa de San Miguel e achegarnos ao lugar de Fondevila, localidade na que hai numerosos hórreos coñecidos na zona como "canastros" . Esta visita axúdanos a facernos unha clara imaxe da riqueza de Fondevila noutros tempos.

Os amantes da natureza poden visitar en Lobios o Centro de Interpretación do Parque Natural Serra do Xurés onde lle facilitarán todo tipo de información relacionada co parque e cos recursos do mesmo.

Continuando a ruta tomamos a estrada OU-540 en dirección a Vilameá e Portela do Home. Ao chegar a Vilameá atopámonos á esquerda coa capela de Santa Lucía, por onde se pode acceder á Ruta dos Muíños de Vilameá e á da capela da Virxe do Xurés. Cruzamos esta localidade e, deixando as últimas casas, nace un camiño que nos leva ata a ponte Nova e o primeiro muíño. Continuando pola estrada subimos á capela da Virxe do Xurés, onde podemos ver os pasos do vía crucis en tres capelas con imaxes de Xesús Cristo camiño do calvario.

Se continuamos de novo pola estrada de Vilameá a Portela do Home chegamos aos Baños de Río Caldo, unha fermosa paraxe onde se levanta un balneario de recente inauguración e unha praia fluvial ideal para pasar o día en familia. Tamén hai unha piscina termal e gratuíta na que resulta interesante o baño, sobre todo nas estacións frías, debido a que a auga na zona de saída chega a alcanzar os 42 graos de temperatura.

Pódese deixar o coche nas inmediacións do balneario e realizar unha interesante excursión a pé. Esta levaranos unha ou dúas horas dependendo a que punto do percorrido pretendamos chegar. Aos poucos metros do inicio atopámonos á dereita cos restos da vila romana dos Baños de Río Caldo, tamén coñecida como “mansio Aquis Originis”. A continuación, retomando o camiño, un vieiro ascende ata a fervenza da Fecha. O primeiro tramo é dunha dificultade baixa, mentres que o último de subida é de dificultade media/baixa.

Continuando en dirección a Portela do Home pasamos por Torneiros, onde existen numerosos hórreos. Despois deste lugar, na ladeira da montaña, pódese ver de lonxe a fervenza da Fecha, a máis longa de Galicia e espectacular no inverno co aumento de caudal. Tras cruzar o río Caldo, atopámonos coa área recreativa dos Miliarios, onde podemos visitar un conxunto de miliarios romanos e na marxe esquerda da estrada a reconstrución dun treito da Vía Nova romana que unía Braga con Astorga. Parte do percorrido pola calzada romana pódese realizar a pé e enlazar coa ruta da fervenza da Fecha.

Achegándonos a Portela do Home pódese gozar dunhas fermosas vistas. En todo o percorrido existen numerosos miradoiros naturais nos que poder parar e gozar do contorno.

Día 3º

A nosa suxestión para o terceiro día parte de Lobios en dirección ao concello de Muíños para dirixirnos cara ao encoro de Salas.

Antes de chegar a Mugueimes, capital do concello de Muíños, e xusto ao pasar o lugar de Cados, podemos subir por un desvío á dereita ata a ermida da Virxe da Clamadoira que ofrece unhas fermosas vistas sobre o encoro.

A localidade de Mugueimes dispón dunha magnífica área recreativa e instalacións para a práctica de actividades lúdicas e deportivas no encoro das Conchas. Tamén podemos visitar interesantes monumentos como a igrexa parroquial, na que o tellado do campanario está realizado con lousas de pedra superpostas.

Desde Muíños a nosa ruta parte cara á parroquia das Maus de Salas. Alí hai un indicador que sitúa os monumentos megalíticos da zona. Ao chegar á beira do encoro atopamos á dereita A Casiña da Moura. Cruzamos o río Salas e bordeamos o encoro en dirección a Requiás e Guntumil, onde podemos visitar A Casola do Foxo. O último monumento megalítico, Outeiro de Cavaladre, atopámolo á esquerda, unha vez cruzado o encoro.

Dirixímonos de novo cara a Mugueimes e de aí a Bande onde finaliza a ruta.

Arriba
Axúdanos a mellorar!